Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CARREIRA CARA Á PRESIDENCIA

Feijoo é aclamado como candidato coa intención de "reconquistar España"

O presidente do PPdeG apostou por seguir o "camiño do centro" e por un "galeguismo sen imposicións".

Redacción / EP - 17:00 23/11/2008

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, foi proclamado candidato á presidencia da Xunta pola súa formación política este domingo nun multitudinario acto en Compostela ao que asistiron varios miles de militantes. No seu discurso, Feijoo comprometeuse a seguir polo "camiño do centro" e asegurou que Galiza pode volver a "iniciar a reconquista democrática" do Estado Español.

Núñez Feijoo tamén afirmou que "a partir de hoxe" deixará de ser "unicamente o presidente do partido para ser o presidente de Galiza", o que significa apostar por un "galeguismo" fronte á "división e as imposicións".

Feijoo tamén se amosou confiado fronte á próxima convocatoria electoral: "Estamos en plenas condicións de gañar as eleccións, sexa cal sexa a data e convócovos a iso". Tamén contrapuxo o PPdeG a un nacionalismo "excluínte" e a un socialismo "oportunista", e dixo que o "G de Galiza segue a ter a mesma forza e potencia" ca na época de Fernández Albor e de Fraga, a quen, por certo, o auditorio lle cantou o parabéns para ti.

Intervención de Rajoy
No acto tamén estivo presente o presidente do Partido Popular, Mariano Rajoy, quen se amosou contrario á venda do 20% das accións de Repsol YPF á rusa Lukoil. Rajoy dixo que "non o imos aceptar" e apelou á importancia da enerxía como "elemento de supervivencia" e non "instrumento de poder e para facer política".

Fernández Albor
Pola súa banda, o ex-presidente da Xunta Xerardo Fernández Albor, quíxolle dicir ao BNG que "tamén somos galeguistas", mais "españois", que aman "a lingua de Rosalía e a de Cervantes". Ao PSdeG dirixiuse para "dicir unha palabra: liberdade", pois, segundo el, os populares defenden "liberdade para todo", fronte ao "intervencionismo" socialista.

Albor dixo que lle pedira ao apóstolo Santiago que "lle dea a benvida aos militantes" e que "Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijoo sexan presidentes de Galiza".


Ligazóns

1,4/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: