Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PREELECTORAL

PSdeG e PPdeG preparan a designación dos seus candidatos á presidencia da Xunta

Os socialistas dan os primeiros pasos no Comité Federal do PSOE, mentres Núñez Feijoo celebra a súa aclamación o domingo en Compostela.

Redacción / EP - 17:00 22/11/2008

O PSdeG comezou a conta atrás para designar o seu secretario xeral, Emilio Pérez Touriño, como candidato á Presidencia da Xunta. Este sábado ábrese o proceso co Comité Federal do PSOE, e o venres reunirase o Comité Nacional, que servirá de paso previo para a aclamación, prevista para mediados de decembro, antes de que se anuncie a data das eleccións.

Sobre este aspecto, Touriño non quixo dar pistas sobre cando serán os comicios. En Madrid asegurou que a cita será "no primeiro semestre" e que non a anunciará até que Galiza teña "todos os instrumentos que ten que ter para afrontar a crise", despois de aprobar os orzamentos. Engadiu que o pobo galego debe escoller "entre confianza e vitimismo" e entre "reformas e contrarreformas".

Segundo fontes socialistas, o comité do venres servirá de "balance político do ano", e será o paso previo á aclamación do candidato do PSdeG á reelección. Aínda que o despregamento electoral dos socialistas comezou a principios de novembro, aínda non hai data fixada para a designación, aínda que o 14 de decembro é a data máis probábel.

Pola súa banda, o PPdeG ten previsto aclamar o domingo a candidatura de Alberto Núñez Feijoo, que acaba de poñer en marcha o seu propio videoblog, Feijoo.tv. A formación política tivo que suspender un acto previsto para este sábado con outros dirixentes do partido no Estado Español, por problemas de axenda. O PPdeG aspira a que ao acto de aclamación, que se desenvolverá no Pazo de Congresos de Compostela, asistan máis de tres mil persoas.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: