Comunicación Audiovisual di que o atraso da TDT en Portugal adía a chegada. Lobeira lamenta que a TVG gaste "sete millóns en dobrar telenovelas sudamericanas".
As televisións portuguesas chegarán a Galiza no ano 2012. Así o anunciou este venres o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Xosé Fernández Iglesias, perante a Comisión 1ª do Parlamento. Segundo o representante do Goberno, o atraso débese ao serodio despregamento dixital no país veciño.
Fernández Iglesias respostou a unha pregunta formulada por Bieito Lobeira, do BNG, que quería coñecer a evolución da proposición non de lei aprobada polo Parlamento. O secretario xeral dixo que "hai contactos" para efectuar o proceso e que se está traballando nesa liña, aídnda que o prazo é "orientativo".
Tamén dixo que a prioridade da Xunta é que a televisión pública galega se vexa no 98 por cento do territorio no momento do apagón, e completalo coas demais canles estatais, para o que está a facer un "esforzo". Engadiu que Portugal ten as mesmas prioridades: estender primeiro as súas canles propias e despois a Televisión de Galicia.
Fernández Iglesias asegurou que traer as canles portuguesas a Galiza custará uns 10 millóns de euros, incluíndo os dereitos de autor e de emisión, ao que Lobeira respondeu que lamentaba que a TVG gastase "sete millóns en dobrar telenovelas sudamericanas".
Dobraxes "dignas"
Por outra banda, o director xeral da CRTVG, Benigno Sánchez, anunciou que a compañía tomará medidas para garantir que os estudios de dobraxe garantan unhas condicións de traballo "dignas". Na comisión de control do Parlamento, explicou que se incluirá unha cláusula específica para que os contratos cumpran coa legalidade vixente.
Así, dixo que a partir do 1 de xaneiro o ente público controlará de xeito "exhaustivo" as cotizacións á Seguridade Social das empresas que contrate a TVG para a dobraxe. Sánchez recoñeceu que descenderan as partidas destinadas á tradución, o que xustificou polo aumento da produción propia fronte á allea.