A cifra incrementarase noutros cinco mil logo do convenio asinado entre o corpo e un posto de combustíbeis de Tui.
Co aforrado puideron adquirir outro vehículo
Segundo informa a prensa portuguesa, a corporación de bombeiros de Valença fechou un acordo cun posto de combustíbeis de Tui que lle ha permitir aforrar perto de 30 mil euros por ano.
Na actualidade xa estaban a abastecer habitualmente todo o seu parque automobilístico (30 vehículos) no noso país, cun beneficio medio de 25 mil euros anuais. Mais coa negociación deste contrato van conseguir o litro de combustíbel 0,045 euros máis barato que un usuario normal.
Esta práctica é moi habitual entre os habitantes do Norte de Portugal. Tanto particulares como empresas e institucións son clientes asiduos das gasolineiras galegas debido a gran diferenza de prezos existente entre as dúas beiras do Miño.
Con esta práctica, os bombeiros de Valença conseguiron aforrar dabondo no último ano para adquirir un novo vehículo.