Amnistía Internacional pídelle ao goberno de México que axude a pechar esta "ferida profunda" e abra unha nova investigación sobre o acontecido.
"O feito de que o goberno mexicano non estabelecera a verdade do acontecido a noite do 2 de outubro de 1968, deixou na sociedade mexicana unha profunda ferida que só curará cando os feitos se desvelen ao completo e se leve aos responsábeis ante a xustiza proporcionándolle reparación a vítimas e familias". Así o recolle o comunicado asinado esta semana por Kerrie Howard, directora do Programa para América de Amnistía Internacional. O colectivo esixe que o actual goberno mexicano deixe de gardar silencio sobre este "escuro capítulo" da historia do país.
As cifras oficiais admiten 44 estudantes asasinados aquel día na Praza de Tlatelolco, malia que investigacións independentes e colectivos sociais elevan a arredor de 300 o número total de falecidos. Foi unha agresión protagonizada polo exército contra unha concentración estudantil que reunía milleiros de persoas no lugar. Produciuse apenas dez días antes do comezo das Olimpíadas de México-68 e o goberno daquela liderado por Gustavo Díaz Ordaz xustificou o acontecido asegurando que as manifestacións querían "crear o caos" á porta dos Xogos.