Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PPdeG critica a tramitación

A potencia eólica solicitada á Xunta é 13 veces maior que a ofertada

O conselleiro de Industria informa no Parlamento de que o número de peticións ascende a 172 e que estas suman un total de 30.500 megavatios.

Redacción - 19:00 23/09/2008
Blanco, este martes no Parlamento

Blanco, este martes no Parlamento

A Consellería de Industria conta con 172 solicitudes de instalacións eólicas que suman 30.500,45 megavatios (MW), 13 veces máis dos 2.325 que adxudicará a Xunta, segundo desvelou este martes no Parlamento o titular do departamento, o nacionalista Fernando Blanco.

Na súa comparecencia en pleno, a petición propia, Blanco defendeu a actual tramitación, tanto nos prazos como no procedemento, e reiterou que o prazo para a resolución da convocatoria de admisión a trámite finalizará o vindeiro 17 de decembro.

Ante a insistencia do deputado do PPdeG, Anxo Bernardo Tahoces, de que "algúns dos criterios son ambiguos", o conselleiro reiterou que "a transparencia" do actual concurso "pódese contrastar" cos levados a cabo por gobernos anteriores, cando -insistiu- se permitiu "a especulación", con traspasos de parques antes de estaren executados.

O parlamentario popular tamén lle pediu explicacións polo feito de que aínda non se reunise a comisión de avaliación das peticións -onde participan tamén os departamentos de Medio Ambiente e Política Territorial. Blanco asegurou que isto sucederá cando conclúa o traballo "de sistematización de información" que está a realizar unha "consultora independente".

"Rendibilidade electoral", di o PPdeG
Tahoces acusou o conselleiro de que "a prioridade do concurso non é buscar o desenvolvemento social e económico, nin a rendibilidade política do Goberno, senón a rendibilidade electoral do BNG". Ao respecto, Blanco dixo que erraba e retrucoulle neste senso que o PPdeG adxudicou 4.325 MW "e perdeu as eleccións", un comentario que levou o balbordo á bancada dos deputados populares.

Pola súa banda, dende o PSdeG, Manuel Gallego Lomba lamentou a intención do PPdeG de "crear alarmismo" e resaltou que este concurso eólico "usa a enerxía como fonte de dinamización económica e favorecerá a apertura do sector a novos operadores".

O obxectivo da Consellaría de Industria é que Galiza conte en 2012 con 6.500 MW de potencia autorizada.


4,2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: