Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Contratos lixo"

As empresas eólicas ocupan os montes a cambio de faragullas

"Chegan a ofrecer até menos do 1% da facturación aos propietarios dos terreos", critican desde Ventonoso, denunciando que ademais "ameazan" os veciños.

Redacción - 09:00 02/07/2008

Pretenden ocupar os montes a cambio de "auténticos contratos lixo", advirten desde Ventonoso, colectivo vencellado ao sindicato Unións Agrarias (UUAA). Por riba, os potenciais afectados son ademais ameazados con supostas "futuras expropiacións" se non aceptan os contratos propostos polas empresas do sector eólico.

Desde Ventonoso avalían que boa parte dos contratos ofertados no marco do novo concurso eólico convocado pola Xunta sofren dese problema. Na opinión de Xosé Antonio Diéguez, presidente de Ventonoso e secretario de Desenvolvemento Rural de UUAA, isto é exemplo da "nova oportunidade perdida para conseguir que as concesións eléctricas da administración contribúan ao desenvolvemento do rural nas áreas afectadas".

Segundo atopou UUAA, as empresas que optan ao concurso eólico en ningún caso ofrecen aos propietarios dos terreos máis do 2,75% da facturación dos complexos. "E mesmo nalgún caso esa porcentaxe queda por baixo do 1%", láianse. Segundo Diéguez a aspiración é que esa porcentaxe chegue ao 10% da facturación, aínda que considerarían "un avance" chegar "ao 4%" que xa fixan países como Dinamarca.

Proposta de solución: o "soar eólico"
Como xeito de loitar contra esta situación, Ventonoso propón crear unha nova figura legal: a do "soar eólico", que implicaría o estabelecemento de "valoracións xustas" dos terreos que achegan os propietarios particulares e as comunidades de montes como posíbel ubicación dos muíños eólicos.

O sindicato achega outras dúas ideas. Por un lado, que se bloquee legalmente a prevalencia da utilidade pública dos proxectos eólicos sobre a propia utilidade pública que a lei "xa lle outorga aos montes veciñais en man común" cando non exista acordo previo entre os veciños e as empresas eólicas. Por outra parte, suxiren a creación dun fondo destinado a proxectos específicos de desenvolvemento rural e xestión do medio natural que estea financiado por unha porcentaxe fixa dos beneficios destas empresas.


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: