Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Barreiras á inmigración

O goberno español asegura que en 2009 seguirá habendo contratacións en orixe

A vicepresidenta considera que o anuncio realizado esta quinta feira polo ministro de Traballo non supón ningún cambio na política de estranxeiría.

Redacción - 17:25 05/09/2008

A vicepresidenta do goberno español, María Teresa Fernández de la Vega, afirmou este venres que o próximo ano "haberá as contratacións en orixe que se necesiten", e incidiu en que a "aproximación a cero" do volume do continxente de traballadores estranxeiros anunciada polo ministro de Traballo, Celestino Corbacho, non supón ningún cambio na política de estranxeiría.

En conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros, De la Vega restoulle importancia ao anuncio de Corbacho. "Non hai ningunha iniciativa distinta", apuntou en referencia ás palabras do ministro.

"Levamos xa case cinco anos promovendo unha política de inmigración legal e ordenada, que está relacionada co mercado laboral e instruméntase en acordos de cooperación e colaboración cos países emisores e os países de tránsito da inmigración a través de convenios internacionais", explicou a vicepresidenta.

"Boa ferramenta"
Neste senso, salientou que a contratación en orixe "mostrouse como unha boa ferramenta para lograr o obxectivo dunha inmigración legal e ordenada", polo que asegurou que o goberno español vai seguir "na mesma liña": a de "buscar o equilibrio" entre os contratos ofrecidos no exterior e as necesidades do mercado de traballo español.

De la Vega incidiu en que son os axentes sociais e económicos e mais as comunidades autónomas a que deseñan o continxente, algo que na súa opinión resultou "útil e eficaz".

"Así debe ser e así vai seguir sendo", sinalou, logo de reiterar que o Executivo mantén "exactamente a mesma política de inmigración: sempre acolleu solidariamente a quen chega a España legalmente e así o seguirá facendo".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: