O ministro español de Traballo e Inmigración, Celestino Corbacho, anuncia a eliminación da contratación en orixe.
Corbacho, esta cuarta feira
O ministro español de Traballo e Inmigración, Celestino Corbacho, anunciou esta cuarta feira que as contratacións en orixe "aproximaranse ao punto cero" no próximo exercicio logo da suba do paro no Estado, que no noso país supera xa os 150 mil desempregados.
"Non parece razoábel que nun mercado como o español, con 2,5 millóns de desempregados, sigamos recorrendo á contratación en orixe", indicou Corbacho, que revelou que no que vai de ano se realizaron 88.180 contratacións por este sistema. En 2007, houbo 200 mil por este sistema.
"Por iso, o ano vindeiro non vou levar ao Consello de Ministros un catálogo tan xeneroso e amplo de contratación en orixe", avanzou o ministro, e defendeu que "as persoas que se teñan que contratar na economía española se contraten dos 2,5 millóns de desempregados que rexistra España".
Corbacho deu unha conferencia de prensa para anunciar esta decisión logo dunha xuntanza coa Comisión do Diálogo Social, composta por goberno, patronal e sindicatos UGT e CCOO. Porén, o ministro matizou que esta medida non ten nada que ver coa reunión, e que haberá excepcións nalgunhas contratacións, como as que se teñan que facer ao abeiro de convenios internacionais.