Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Carlos Taibo, profesor de Ciencia Política

"O conflito proba que a Moscova lle interesaba a secesión cosovar"

Experto internacional na transición política da Europa do Leste, analiza en Vieiros os últimos acontecementos no conflito do Cáucaso.

Fernando Arrizado - 11:25 26/08/2008
Carlos Taibo

Carlos Taibo

O parlamento ruso aprobou este luns, ante a presenza dos presidentes das autoproclamadas repúblicas de Osetia do Sur e Abkhazia, unha moción pola que se insta á Presidencia de Rusia a recoñecer a independencia destas dúas rexións xeorxianas. A resposta estadounidense non se fixo esperar: a Casa Branca considérao "inaceptábel".

Carlos Taibo, profesor de Ciencia Política e da Administración na Universidade Autónoma de Madrid e experto internacional na transformación política e social da Europa do Leste nas últimas dúas décadas, analiza en Vieiros esta decisión así como as circunstancias que provocan a erupción dun conflito adormecido, o do Cáucaso.

Vieiros
: Que valoración fai da postura de Rusia ao respecto da independencia de Abkhazia e de Osetia do Sur?

Carlos Taibo
: A posición de Rusia ten dúas fasquías diferentes: a primeira é que, se as potencias occidentais recoñeceron a independencia de Cosova, por que Rusia non vai facer o mesmo con Abkhazia e Osetia do Sur. A segunda é que, se Rusia defendía daquelas a unidade territorial, por que apoia agora o proceso de independencia.

Algo similar ao que acontece no caso de Chechenia, ...

Explícase cos mesmos argumentos. É a dobre moral. Rusia apoia unha decisión, a da independencia de Abkhazia e Osetia do Sur, en base a que a quere unha maioría da poboación destes territorios, algo que coido tamén sucede en Chechenia.

Este luns, o presidente Medvedev advertía en Moldavia -que, ao igual que Xeorxia conta cunha rexión separatista: Transdniestria- do "erro xeorxiano" de usar a forza para retomar o control sobre un territorio arredado...

A situación é similar as expostas antes, coa diferenza de que Transdniestria está separada de Rusia por Ucraína polo que a resposta sería diferente. Mais, Putin en xaneiro de 2007 xa dixera literalmente que se as potencias occidentais recoñecían Cosova, Rusia habería de mover peza.

Dende hai un tempo veño defendendo que conflitos como este proban que a Moscova lle interesaba a independencia cosovar. Rusia podería ter razóns de tipo emocional para apoiar a Serbia, pero Cosova quédalle moi lonxe; a súa estratexia na confrontación con Estados Unidos non pasa por alí, e a independencia de Cosova sérvelle agora como escusa para desenvolvela.

Por que Xeorxia decide, finalmente, atacar Osetia do Sur? E por que Rusia responde militarmente?

Que interese pode haber nun territorio de catro mil quilómetros cadrados? Pois que é unha zona de influencia de EUA. Xeorxia, que é un sucedáneo da política estadounidense, realiza a acción militar co seu beneplácito. Por que lle dan o visto bo? Hai dúas posibilidades: a primeira, porque pensen que Rusia non vai responder; e segunda -e a máis lóxica-, porque saben que vai responder e que os dirixentes rusos non son mesurados nas súas respostas, o que deixa a Rusia nun papel noxento diante da comunidade internacional. Unha resposta que por unha banda é de lexítima defensa e, por outra, ten que ver cunha lóxica imperial.

Vostede defende, con reservas, que detrás deste conflito hai claros intereses electoralistas de cara aos comicios presidenciais en EUA...

Evidentemente non teño datos sólidos, pero as cousas van encaixando. O discurso duro e provocador dos últimos días por parte de EUA confírmao. Ao Partido Republicano interésalle crear unha situación de confrontación con Rusia, que respondeu con severidade excesiva, porque é o mellor escenario electoral. As acedas declaracións de Obama rexeitando o ataque ruso van neste senso.

Buques de guerra da OTAN, entre outros un destrutor estadounidense, están a chegar estes días a Xeorxia nunha misión de axuda humanitaria. Este tipo de movementos recordan en parte aos que se producían durante a Guerra Fría, non cre?

Sempre que me fixeron esta pregunta desbotei esa metáfora, aínda que cada vez o hai que pensar mellor. Desbótoa porque hai que lembrar que na actualidade EUA e Rusia defenden o mesmo sistema capitalista de corte liberal. Antes non, independentemente dos adxectivos que se lle poden poñer a cada un deles.

Agora hai unha especie de entente cordiale, e o que existe é unha confrontación de corte imperial, que está moi lonxe de alcanzar os niveis da Guerra Fría. Por outra banda, hai que ter en conta que as forzas están moi descompensadas. Non esquezamos que o orzamento militar de Rusia é inferior ao de Reino Unido, Francia e Alemaña, todas potencias occidentais.


4,67/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os líderes de Abkhazia (dereita) e Osetia do Sur aplauden a decisión dos deputados rusos
Os líderes de Abkhazia (dereita) e Osetia do Sur aplauden a decisión dos deputados rusos
Celebración da decisión do Parlamento ruso nas rúas de Tsjinvali (Osetia do Sur)
Celebración da decisión do Parlamento ruso nas rúas de Tsjinvali (Osetia do Sur)