Aínda que a misión do barco é levar axuda humanitaria, o xesto pretende ser unha mensaxe a Rusia sobre a implicación estadounidense no conflito.
"A situación no Mar Negro tende a agravarse porque a OTAN procedeu a incrementar as súas forzas navais nesa zona", informou o segundo do Estado Maior ruso, Anatoli Nogovitsin.
O xefe militar referíase con estas declaracións á chegada da fragata polaca Xeneral Kazimierz Pulaski e, especialmente, a do destrutor estadounidense USS McFaul (que se unen aos buques alemáns e españois xa na zona) coa misión de prestar axuda humanitaria a Xeorxia.
Porén, tanto analistas internacionais como, principalmente, o Kremlin consideran que -tal e como sucedeu en tantas ocasión durante a Guerra Fría- a manobra leva implícita unha mensaxe a Rusia: isto é, a implicación firme -presente e futura- de EUA no conflito do Cáucaso.
Rusia manterá patrullas no porto de Poti
Por outra banda, as tropas rusas finalizaron esta fin de semana a súa retirada de Xeorxia. Rusia mantén, no entanto, varios puntos de control nas zonas limítrofes con Osetia do Sur e Abkhazia. Tamén, segundo anunciou o numero dous do Estado Maior ruso, manterán patrullas no porto xeorxiano de Poti.
Nogovitsin xustificou esta decisión: "A patrullaxe está estipulada no acordo internacional, e aínda que Poti queda fóra da zona de seguridade iso non significa que ficaremos de brazos cruzados mirando como os xeorxianos se pasean por alí nos seus Hammer".
Neste senso, o xefe do Estado francés (na Presidencia de quenda da UE), Nicolás Sarkozy celebrou o repregamento das tropas rusas, mais insistiu na necesidade de que esta sexa total, é dicir, que o Exército abandone o porto de Poti e mais Senaki, principal base aérea de Xeorxia.