Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SUBVENCIÓNS

Impulsa abre o prazo do terceiro Plan Renove de Electrodomésticos

O programa, ao que se poden sumar as tendas, pretende reducir o consumo enerxético en 23.000 MWh/ano.

Redacción - 09:30 26/08/2008

O martes 26 ábrese o prazo de adhesión ao terceiro Plan Renove de Electrodomésticos, que convoca a Consellaría de Innovación e Industria. Cun orzamento de 4,5 millóns de euros, medio millón máis ca no ano pasado, ten o obxectivo de reducir o consumo enerxético substituíndo os vellos aparellos por outros máis eficientes. O plan ábrese o 15 de setembro até o esgotamento dos fondos.

Dende o ano 2006 xa se reciclaron máis de 87.000 electrodomésticos vellos grazas ao plan, o que supuxo un aforro enerxético aproximado de 37.000 MWh/ano. Este ano aspírase a substituír 50.000 aparellos máis e a aforrar 23.662 MWh/ano.

O conselleiro, Fernando Blanco, explicou que a edición 2008 do Plan Renove amplía a gama de electrodomésticos subvencionábeis, que agora abranguerá os fornos eléctricos e as placas de cociña de indución e de gas, ademais das lavadoras, lavalouzas e frigoríficos combi, que xa recibían axudas. A contía da subvención vai de 50 a 125 euros, segundo o electrodoméstico e a súa eficiencia enerxética, e nunca pode superar o 25% do custo do produto.

Dende o día 26, os comerciantes interesados pódense sumar ao plan, cubrindo os formularios dispoñíbeis na web do Inega. O prazo remata o 15 de setembro, e os comerciantes que xa participaran na anterior convocatoria só teñen que confirmar ou actualizar a documentación que achegaran daquela.

Para acceder ás axudas, os consumidores deberán mercar nun estabelecemento adherido algún dos electrodomésticos incluídos de eficiencia enerxética clase A ou superior, a un prezo que xa incluirá o desconto. Será o comerciante o encargado de cubrir o formulario de solicitude na web do Inega, que asinará a persoa compradora. O vendedor terá que enviar o equipo antigo para a súa reciclaxe.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: