Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ZARAGOZA

Quintana anuncia 6,5 millóns para impulsar o turismo termal e náutico

O vicepresidente da Xunta inaugurou a Semana de Galiza na Exposición Internacional, onde o noso país conta con especial protagonismo como "terra da auga".

Redacción - 17:00 12/07/2008

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, inaugurou este sábado a semana de Galiza na Exposición Internacional de Zaragoza. No acto, Quintana reafirmou a aposta do Goberno, a través da Consellaría de Innovación e Industria, por potencia o país como destino dun novo modelo de turismo baseado na calidade e coa auga como elemento diferenciador. Para iso, adiantou que a Xunta destinará 6,5 millóns de euros para impulsar o turismo termal e náutico até o final da lexislatura.

O feito de que "Galiza é potencia termal" fixo que o Executivo centrase os seus esforzos na promoción da oferta de turismo de saúde. Para acadar ese fin, a Xunta destinará 4,5 millóns ao seu reforzamento, con 2 millóns para a mellora das infraestruturas hoteleiras, outro millón e medio para o Plan Estratéxico da cidade de Ourense, capital termal, e un millón máis para a promoción da oferta termal de Galiza.

Galiza tamén é potencia en actividades náuticas. Mostra diso é a participación do país como convidado de honra ne festa do mar de Brest. Así, Quintana anunciou unha partida de 2 millóns de euros para o turismo e as actividades náuticas: 600.000 euros a apoio ao acondicionamento municipal dos areais, medio millón máis para o desenvolvemento de actividades de lecer náutico por parte de asociacións e clubs náuticos, e 900.000 euros máis para plans de dinamización do produto turístico náutico e fluvial.

Protagonismo na Expo
En Zaragoza, Galiza vai dispoñer dunha semana enteira dedicada a ela, máis ca os demais territorios do Estado, e quince días de actividades. O país dispón dun pavillón onde un muro con máis de 3.000 mostras de auga dos 315 concellos proxecta en imaxes os mellores recursos turísticos. Está a recibir máis de 7.000 visitas diarias.

Ademais, segundo lembrou Anxo Quintana, o espazo de Galiza na Expo servirá como pórtico promocional do próximo Xacobeo 2010, ao que se van dedicar "un total de 141,4 millóns de euros entre 2008 e 2010".


3/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: