Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ESPIONAXE GUBERNAMENTAL

O senado estadounidense dálle carta branca ás escoitas telefónicas

Lexitima así a espionaxe telefónica, unha práctica habitual dende os atentados do 11 – S.

Redacción - 13:30 10/07/2008

'Esta reforma axudará aos nosos profesionais de intelixencia a coñecer que planean os terroristas e con quen falan: hoxe estamos máis seguros'. Estas foron as palabras de George Bush, logo de que o senado dese a súa aprobación á nova lei de escoitas telefónicas, oficialmente coñecida como 'lei de supervisión de datos de intelixencia sobre estranxeiros (FISA).

Na práctica, esta medida permite as escoitas sen un previo ditame da xustiza e, sobre todo, protexe ás empresas de telecomunicacións de demandas de persoas que alegan que as escoitas violan as leis sobre privacidade. Ademais, esta nova normativa aplicarase de xeito retroactivo, polo que as compañías que xa interceptaran chamadas telefónicas e correos electrónicos despois dos atentados do 11 de Setembro, liberaranse agora de preto de 40 demandas multimillonarias que estaban en curso.

Debate e reaccións
A medida foi aprobada con 69 votos a favor e 28 en contra. Previamente, os demócratas eran contrarios a outorgar a inmunidade ás firmas de telecomunicacións que estaban pendentes dunha resolución, e pedían cando menos que fosen os tribunais quen primeiro establecesen que foi o que fixeron esas empresas. Finalmente, chegouse a un acordo e a inmunidade non será automática. Sen embargo, a xustiza estadounidense queda agora obrigada a rexeitar demandas contra unha empresa se esta pode demostrar unha certificación escrita de que a Casa Branca lle solicitou algunha escoita telefónica, co que esa práctica será inmediatamente legal.

As reaccións a esta lei non se deixaron agardar: a Unión Americana de Liberdades Civís (ACLU) cualificou a lei de inconstitucional e de 'asalto ás liberdades civís e ao dereito da privacidade'. Do mesmo xeito se manifestaron outras entidades, que vén na decisión un cheque en branco para o goberno para acceder sen autorización xudicial ás comunicacións internacionais.


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: