Tamén interveu Fraga, que pola contra avogou por un Partido Popular "de centro reformista" e que fuxa de extremismos.
O discurso de Aznar, presidente de honor do Partido Popular, tivo unha forte carga política, e malia a deixar claro en varias ocasións o seu apoio a Rajoy, "apoio responsábel" -dixo-, e a cualificarse como o militante máis disciplinado do PP, as súas palabras dirixíronse en todo momento a exixir un mantemento da liña ideolóxica seguida polo partido nos últimos anos. Ademais, dedicou varios minutos para lembrar e homenaxear a María San Gil, Ortega Lara, Acebes e Zaplana, mencións moi aplaudidas polos asistentes.
O ex presidente advertiu que "non sobra ninguén no partido": "Non gañaremos se pensamos que podemos ignorar aos que xa nos votan", dixo. Aznar afirmou que sen as "sólidas referencias morais" do PP "non chegariamos ata aquí" nin "seriamos o que somos". "Perdelas impediríanos perder os nosos obxectivos. Impediríanos a posibilidade de explicarnos a nós mesmos", indicou. Finalmente quixo salientar a idea de que en 1996 o PP gobernou "con diálogo e acordos, pero primeiro gañáronse as eleccións, por esa orde".
Manuel Fraga precedeulle no uso da palabra volvendo aludir, como nos últimos días, ao centro reformista. O senador dixo que no PP do século XXI non debe haber "extremismos" e tamén negou que se estea celebrando un "congreso á búlgara" en Valencia. Rajoy seguirá presidindo o PP ao pecharse o prazo de presentación de candidaturas sen ninguna alternativa.