Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SEGUNDO DÍA DO CONGRESO 'POPULAR'

O PP elixirá os seus líderes nun sistema semellante ao das primarias norteamericanas

Os militantes votarán compromisarios en listas abertas, que despois escollerán a persoa que será presidente e candidato do partido.

Redacción - 11:40 21/06/2008

O XVI congreso do PP celebra a súa segunda xornada co debate e votación dos tres relatorios (política, estatutos e economía) que marcarán a liña estratéxica do partido nos próximos tres anos. Despois, están previstas as intervencións do presidente fundador, Manuel Fraga e do presidente honorario do partido, José María Aznar. Na xornada desta tarde están previstas tamén as intervencións da portavoz do grupo parlamentario popular, Soraya Sáenz de Santamaría e o portavoz do PP no Parlamento europeo, Jaime Mayor Oreja.

Na xornada do venres aprobouse por ampla maioría un sistema de primarias que permite a votación indirecta (mediante compromisarios) dun candidato único a presidente do partido e de Goberno, así como dos líderes autonómicos e provinciais. O modelo, que segundo os populares ten trazos comúns co procedemento de primarias que rexe en Estados Unidos, implica tamén que o presidente do partido sexa tamén o candidato á presidencia do Goberno para evitar posibles bicefalias.

O modelo ten varias fases. Poderán presentar a súa candidatura todos aqueles militantes que sexan avalados por 100 firmas de militantes. Os candidatos á presidencia, do mesmo xeito que ocorre co modelo americano, poden presentar compromisarios defensores da súa candidatura, como ocorre coas presidenciais norteamericanas, que son votados polos militantes, en listas abertas e desbloqueadas. Tras este proceso, os candidatos que superen o 20% dos compromisarios votados polos militantes pasan a disputar a presidencia no Congreso. Nesa cita, se non hai ningún candidato que teña unha maioría absoluta, pódense producir alianzas entre os candidatos minoritarios e os compromisarios que os avalan.

Os 'duros' toman posicións
Se o xoves Rajoy tomara a iniciativa, co nomeamento de María Dolores de Cospedal e o anuncio de Aguirre de que votaría ao político pontevedrés, o venres foi o día dos 'duros'. Aznar, Cascos, Acebes, Aguirre e Mayor Oreja, utilizaron todos os medios para lanzar unha mensaxe clara: o PP de sempre non se rende e reivindica o pasado. Primeiro, Aznar ignorou a Rajoy e a Fraga, mentres que abrazaba a Aguirre e Acebes. Despois Cascos declarou que non se sentirá cómodo no partido "ata que se recupere a María San Gil".

Finalmente, Ángel Acebes, no seu discurso, moi ovacionado, sobre todo as súas mencións a San Gil, afirmou que "menos PP non é igual a máis votos. Poucas cousas fannos máis dano que desdibujarnos. Temos un voto que non se pode descoidar, que non nos vota a pesar do que somos. Ao contrario, vótannos porque temos principios e defendémolos con coraxe e con total claridade".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: