Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A debate no congreso de xullo

Varias emendas propoñen reducir e reforzar a executiva do PSdeG

Xosé Blanco e Manuel Vázquez dan por feito a continuidade de Varela na secretaría de Organización do partido.

Redacción / EP - 09:00 02/06/2008

A actual executiva do PSdeG está conformada por un anmplo grupo de máis de 40 integrantes, onde teñen cota as diversas sensibilidades internas. No entanto, a reforma que agora se pon en marcha podería levar a unha redefinición significativa desa estrutura, na procura dun grupo “máis reducido e operativo” que se xunte con periodicidade semanal para revisar a acción política do PsdeG dun xeito máis continuo e áxil.

É unha das modificacións principais que aparece nas emendas presentadas aos relatorios do congreso que os socialistas galegos celebrarán a finais do mes de xullo. A iniciativa requiriría da modificación do artigo 59 dos estatutos do PsdeG cara ao desenvolvemento da comisión permanente da executiva. Segundo defenden os promotores desta idea, que iría avalada por diversas agrupacións municipais do partido, trátase dunha modificación que permitiría mellorar a toma de decisións na actividade diaria do PSdeG e facilitar a coordinación co Goberno.

A maiores, recoñecen os impulsores da iniciativa que se trata tamén dun “mecanismo de control” sobre as decisións que toma o secretario xeral do partido, Emilio Pérez Touriño, na súa función de presidente da Xunta. Así e todo, chaman a quitarlle importancia a esa pretensión, lembrando que a comisión permanente é un instrumento que xa estaba previsto nos actuais estatutos, funciona en numerosas executivas locais e na práctica funciona como un grupo reducido con capacidade decisoria para "xestionar o día a día" do partido. Trataríase dun grupo de non máis de dez ou doce persoas que contribuirían a darlle unha “voz propia” á organización do PSOE galego. Formarían parte do organismo o secretario xeral, os secretarios de organización e os secretarios provinciais.

Vázquez fala da necesidade dun partido "áxil, moderno e rápido"
Nesta liña, o conselleiro de Medio Ambiente e líder do partido na provincia de Ourense, Manuel Vázquez, referíase en entrevista con Europa Press á necesidade de que os socialistas avancen cara a un partido "áxil, moderno e rápido". Na súa opinión, a creación dunha “dirección reducida” é imprescindíbel para "fortalecer" a estrutura orgánica do PsdeG, contando cun grupo que se reúna de forma semanal para "tomar decisións". "Ese é o debate do congreso", proclamou e, pola contra, rexeitou "a contaminación" que, ao seu xuízo, supón o debate aberto pola introdución no PsdeG do modelo de organización provincial.

Vázquez defendeu que este sistema “mellorará a axilidade administrativa" do partido e rexeitou que implique "a creación de feudos". “Quen vexa na provincia unha ferramenta de baronías está a mirar para atrás, para o pasado", censurou e, a xeito de exemplo, asegurou que a "baronía de Francisco Cacharro foi a morte do PP en Lugo" así como a "baronía de Baltar foi a morte do PP de Ourense". Preguntado pola posibilidade de que opte a presidir o PSOE ourensán, asegurou que "dependerá do que digan os propios delegados cando se produza ese debate". Con todo, subliñou que "de facto" xa é o coordinador provincial na actualidade e destacou que os resultados na provincia "están ben".

Blanco avala a continuidade de Varela nos seus dous cargos actuais
O secretario de Organización do PSOE, Xosé Blanco, apostou este domingo por conservar nunha figura os cargos da Secretaría de Organización dos socialistas galegos e dunha consellaría da Xunta, tal e como está a funcionar na actual lexislatura con Ricardo Varela, que é titular de Traballo.

"O modelo funcionou moi ben tendo en conta os resultados, non vexo que haxa dificultades", sentenciou Blanco nunha entrevista concedida á Cadena Ser, salientando que "o cargo da Xunta é compatíbel co de secretario de Organización do PSdeG, non hai que modificalo". De cara ao congreso de xullo do PSdeG, José Blanco advertiu que "se un partido non se renova cando goberna, os cidadáns o renovan mandándoo á oposición" e apuntou que será a dirección do partido en Galiza a que decida "cando se acometerá".


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: