Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MOVEMENTOS ANTES DO CONGRESO

Moreda move ficha para converterse no home forte do PSdeG na Coruña

O presidente da Deputación perfílase como o vindeiro secretario provincial da organización.

R. Noguerol/R.Vilar - 11:50 15/05/2008

Salvador Fernández Moreda acaba de dar un paso á fronte para loitar pola secretaría provincial dos socialistas coruñeses e substituír a Moisés Rey (o que lle daría automaticamente un posto na Executiva do PSdeG). O presidente da Deputación xa está a manter contactos con dirixentes de diferentes comarcas para garantir o apoio no vindeiro congreso. Segundo lle explicaron a este xornal diferentes fontes socialistas, a candidatura de Fernández Moreda é vista especialmente con bos ollos na comarca coruñesa, en Compostela e na Costa da Morte. Se a súa proposta prospera, Moreda convertiríase en membro da Executiva.

O presidente da Deputación, que ten boa sintonía con Emilio Pérez Touriño, converteuse dende a marcha do seu antigo valedor Francisco Vázquez nun valor en ascenso. O seu posto na institución provincial fai que teña especial predicamento entre alcaldes e concelleiros. Precisamente é co propio rexedor da cidade herculina, Xavier Losada, co único que ten unha relación un pouco máis distante.

Pontevedra, Modesto Pose podería recuncar no cargo

En Pontevedra semella ter opcións de repetir o actual responsábel provincial, Modesto Pose, que conta con especial predicamento nas comarcas do norte e interior da circunscrición. Pose tivo que mediar nos últimos anos nas continuas coiteladas dun socialismo vigués historicamente fraccionado e á mesma vez atender ás voces doutras comarcas que se sinten máis marxinadas das decisións internas.

As filtracións nos medios tamén falan de figuras emerxentes no partido. Un destes casos é o da xoven alcaldesa de Silleda, Paula Fernández. A pesar da súa aínda escasa traxectoria como militante, moitos apuntan que esta arquitecta ten serias opcións de entrar na Executiva do PSdeG logo do congreso que a formación celebrará a finais de xullo. Outros cren que alcaldes como o do Grove, Xosé Cacabelos, van asumir algún tipo de responsabilidade na próxima estrutura de dirección.

Lugo, a praza forte de Ricardo Varela

Non é previsíbel que haxa cambios na secretaría provincial de Lugo, onde o tamén senador Luís Anxo Lago Lage veu exercendo no posto de secretario provincial do PSdeG. Os socialistas iniciaron unha tendencia imparábel cara a arriba na provincia coincidindo no seu momento co propio protagonismo na coordinación provincial de Ricardo Varela, verdadeiro home forte da provincia. Nese escenario e coa fin do cacharrismo lastrando o PP, os socialistas confían en reducir a escasa diferencia que os separou dos populares nas últimas citas coas urnas, apenas 13 mil votos nos últimos comicios xerais. Lago Lage repetirá ademais como un dos redactores principais dos relatorios que os socialistas levarán ao congreso do PSdeG en xullo.

Nese contexto non haberá cambios no liderado cando menos por arriba. Con todo, cara ao futuro debúxanse outros movementos de interese no reequilibrio de forzas do PSdeG lugués, despois da redución de confianza no alcalde lugués, Xosé Clemente López Orozco, no contorno próximo a Pérez Touriño, logo da perda da súa anterior maioría absoluta. De xeito paralelo, configúrase pouco a pouco outro espazo de poder arredor da Deputación de Lugo, co presidente da institución, Xosé Ramón Gómez Besteiro á fronte. A propia vicepresidenta segunda da deputación, Lara Méndez, formará parte do equipo redactor dos relatorios para o congreso do PSdeG.

Ourense: “Pachi” Vázquez xa non é o único
O tamén conselleiro de Medio Ambiente, Manuel "Pachi" Vázquez, é o tradicional home forte en Ourense desde hai ben tempo, cando gozaba desde a alcaldía do Carballiño da máis relevante cota de poder dos socialistas na provincia. Así e todo, diante do poder provincial asoma nos últimos tempos a crecente relevancia dos socialistas da capital provincial. Logo de gañar a alcaldía da Cidade das Burgas, arredor do actual rexedor, Francisco Rodríguez, constrúese un novo espazo de poder que xa acendeu os seus pequenos tirapuxas coa secretaría provincial liderada por Pachi Vázquez, nomeadamente durante a elaboración das candidaturas das últimas eleccións xerais. O máis probábel sería que a dirección do partido non se atrevese a moverlle a cadeira a Vázquez. Mentres, a cota ourensá nos relatorios do próximo congreso incluirá ademais os deputados Pablo López Vidal e Laura Seara.


4,6/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O actual secretario provincial en Lugo, Lago Lage, é un home de confianza de Ricardo Varela
O actual secretario provincial en Lugo, Lago Lage, é un home de confianza de Ricardo Varela
O alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, érguese como contrapoder de "Pachi" Vázquez
O alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, érguese como contrapoder de "Pachi" Vázquez