Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
POLA DEFENSA DA COSTA

Adega convoca unha manifestación contra o Plan Acuícola para o 8 de xuño

Co apoio das plataformas na defensa do litoral, o acto reivindicativo pretende amosar a oposición ao texto que tramita a Xunta.

Redacción - 19:05 28/05/2008

Adega e as plataformas na defensa do litoral convocan para o 8 de xuño, Día Mundial dos Océanos, unha manifestación de protesta contra o Plan Acuícola do Goberno. O documento, que se prevé aprobar antes do verán, non conta co respaldo de case ningún dos informes necesarios.

O secretario executivo da asociación ecoloxista, Fins Eirexas, amosouse partidario de "continuar coa loita", co apoio das plataformas na defensa do litoral, para pedir "a retirada do Plan Acuícola" e que se presente "outro que atenda a criterios medioambientais".

A mobilización está convocada para o 8 de xuño ao mediodía na Praza das Praterías de Santiago. Fins Eirexas fixo un chamamento á cidadanía para pedir "a defensa da costa galega". Non descartou, ademais, acudir aos xulgados e presentar recursos contra o plan. Se chega a aprobarse, asegurou que, cando as máquinas estean nas zonas costeiras "atoparanse cos veciños e con Adega".

Deficiencias
Eirexas, criticou que mesmo o documento encargado pola Consellaría de Medio Ambiente sobre o plan recoñece "graves deficiencias, pero non lle pide a Pesca a súa retirada nin a súa redefinición".

Aínda que o informe de Medio Ambiente menciona "cautelas medioambientais" que xa foran denunciadas dende o principio por Adega, como non cumprir co tratamento de vertidos nin cos espazos protexidos, demora a obriga de atender a criterios ambientais até os proxectos concretos de instalación das piscifactorías no litoral do país.

Fins Eirexas cualificou de "absurdo e ridículo" que non se teña en conta a avaliación ambiental dun plan "insostíbel". Por iso, criticou que a Xunta siga "co trámite", o que considerou "unha tomadura de pelo" e "lexislación dunha república bananeira". Ademais, advertiu de que, se o Consello da Xunta aproba o texto, terá ao PSdeG como "promotor" e ao BNG de "cómplice".


4,53/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: