Adega cre que os populares pretenden retomar o texto aprobado in extremis polo anterior Goberno, "que agredía a Rede Natura de forma total e absoluta".
Cabo Corrubedo, unha das zonas afectadas polo Plan Acuícola / Google Maps
O voceiro de Pesca do PPdeG, Xosé Manuel Balseiro, ofreceulle este mércores ao BNG que deixe a "política barata" e se una aos populares no Parlamento para botar abaixo o Plan Acuícola da Xunta e consensuar un novo. O coordinador de organización de Adega, Martiño Fiz, criticou o ofrecemento: "Non vai no fondo da cuestión que plantexamos nós: a redefinición do Plan Acuícola". Segundo Fiz, o PP o que defende é a volta ao plan do anterior Goberno, que ameazaba aínda máis a Rede Natura. "A postura do PP non coincide cos ecoloxistas", engadiu.
No referente á intención de levar o Plan perante a Xustiza se se chega a aprobar, Martiño Fiz explicou que é unha máis das medidas que teñen pensado poñer en práctica. Volveu criticar o "anuncio electoralista" feito esta semana pola Consellaría de Pesca de reducir o proxecto inicial e dixo que "non vai rematar coas protestas", que asegurou que seguirán despois das eleccións do domingo. Fiz cualificouno de "caramelo que non vai ao fondo do problema": apartar as piscifactorías da costa, que instalen depuradoras e que non afecten aos espazos protexidos.
Sobre as afirmacións do voceiro da plataforma medioambiental de Corrubedo, Manoel Santos, que criticou por "feble" a postura do BNG fronte ao PSdeG arredor do Plan Acuícola, Fiz dixo que "son declaracións dun compañeiro que está na nosa loita connosco e non temos nada que engadir".