O até agora número un do BNG local afirma que deixa o consistorio porque non quere “perpetuarse” nos cargo.
Acompañado polos compañeiros do grupo municipal e polo responsábel local do BNG, Néstor Rego anunciou este sábado nunha conferencia de prensa que deixa o seu cargo de edil no consistorio de Santiago. Logo de trece anos como concelleiro, Rego considera que xa cubriu un ciclo e cre que é preciso a renovación.
El mesmo anunciou que os concelleiros acordaron, co visto e prace da organización, que Socorro García Conde pase a ser a nova líder do grupo municipal nacionalista. Socorro García asumirá o posto de tenente de alcalde e as responsabilidades que Rego tiña no departamento de Cultura. Olga Pedreira, que ocupará o escano que deixa Rego, encargarase da Concellaría de Rehabilitación e Casco Histórico. Mentres, Elvira Cienfuegos seguirá á fronte de Medio Ambiente e Xosé Manuel Iglesias de Turismo e Promoción Económica.
Rego subliñou que marcha satisfeito dos trece anos na política local e mostrouse confiado en que o BNG “hoxe é unha realidade vizosa en Santiago e o equipo nacionalista estará como sempre no seu sitio”. O até agora tenente de alcalde tomou a decisión hai poucos días: “Eu creo que non é bo que as persoas se perpetúen nos cargos. Creo que é preferíbel que haxa marxe para a renovación”. Porén, afirmou que seguiría a traballar como militante en todo o que lle pida o Bloque. Laboralmente pedirá a súa reincorporación como profesor de ensino medio.
O reponsábel do BNG en Compostela, Lois López, agradeceulle a Rego o traballo institucional e subliñou que “o seu sentido da política é moito máis amplo que o do traballo institucional”.