Logo de trece anos na corporación, o número un dos nacionalistas de Compostela abandona todos os cargos que ten no consistorio.
A primeiras horas da mañá deste sábado saltou a sorpresa política en Compostela. O tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Néstor Rego, anuncia que deixa todos os seus cargos no consistorio. O BNG convocou unha conferencia de prensa onde o Rego, acompañado do grupo municipal, explicará o motivo da súa decisión. Dáse por feito que Olga Pedreira, que concurriu aos últimos comicios no posto número cinco, substituirá a Nestor Rego como concelleiro.
Aínda que veciño de Santiago dende a mocidade, Néstor Rego naceu en 1962 no Vicedo (A Mariña). Licenciado en Historia é profesor de secundaria. Vinculouse ao nacionalismo cando era apenas un adolescente ao entrar a militar en ERGA en 1977. Como militante da UPG, en 1982 participou na fundación do BNG. No ano 1995 comeza a súa andaina como concelleiro. Ao longo destes trece anos, Rego asumiu responsabilidades, alén da tenencia de alcaldía, primeiro no departamento de Medio Ambiente e Servizos e até o de agora no de Cultura.