A industria viuse afectada, especialmente Citroën, que este cuarta feira comezou a sacar os vehículos un a un para evitar os piquetes.
A folga comezou o pasado luns ás 0.00 horas
Esta quinta feira, dende as 11.30 horas, sindicatos e patronal, coa mediación da Consellaría de Traballo, manteñen a súa primeira xuntanza para negociar unha saída ao conflito laboral no sector do Transporte de mercadorías en Pontevedra, que provocou que as principais centrais, UXT, CIG e CCOO, (con máis do 90% de representación) convocasen tres xornadas de folga.
O convenio colectivo -denuncian os representantes dos traballadores- é o cuarto peor do Estado. Xa que logo, reclaman melloras substanciais; en caso contrario o paro poderíase converter en indefinido a partir do 5 de maio, segundo o que se decida na asemblea que este sábado a partir das 12.00 horas terá lugar na Asociación de Veciños de Cabral.
Citroën, obrigado a sacar os coches un a un
A actividade industrial viuse gravemente afectada nestes tres días de folga. Concretamente, esta cuarta feira a factoría de Citroën, en Vigo, viuse na obriga de levar os coches un a un dende a cadea de montaxe, en Balaídos, deica a Bouzas para poder ser distribuídos ao mercado.
Operarios da propia planta industrial conduciron os vehículos -uns sesenta cada hora, sen matricular e escoltados pola Policía- polos cinco quilómetros que separan ambos os dous puntos, ante a imposibilidade por parte da empresa de utilizar os camións.
Cortes de tráfico
Ademais, ás 19.00 horas desta última xornada de paro, os traballadores concentráronse no nó de Isaac Peral, a pouco metros da sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra, realizándose cortes de tráfico, que crearon un importante caos circulatorio no centro de Vigo.
Posteriormente, e vixiados en todo momento por un importante despregue policial, os operarios marcharon deica á rotonda de Guixar, onde pararon a actividade industrial do porto.