Tras dúas horas de xuntanza cos sindicatos, a patronal mantén unha posición firme contraria ao diálogo, aínda que recoñece que o convenio ten eivas.
Os empresarios evitaron facer proposta ningunha durante as dúas horas que durou a reunión cos representantes dos traballadores do Transporte de Mercadorías da provincia de Pontevedra, en folga dende este luns.
Así o confirmaron fontes dos tres sindicatos convocantes do paro, UXT, CIG e CCOO, que tamén afirman que a patronal recoñeceu que o convenio actual non era bo. Porén, Se hai folga, non negociamos foi a frase textual que esgrimiron os representantes empresariais dende ás 11.00 horas en que deu comezo a xuntanza na Delegación de Traballo de Pontevedra en Vigo.
Cándido Rodríguez, da executiva do Transporte da UXT, dixo que os delegados da patronal "cerráronse en banda" malia seren "conscientes" de que un traballador "non pode cobrar 750 euros". "Agora non negocian porque hai folga; antes negábanse porque dicían que non podían coa suba do gasoil", engadiu Rodríguez.
O paro mantense
"Dixeron que baixo presión non están a gusto para negociar", afirma pola súa banda Xosé Fernández Piñeiro, secretario nacional da CIG para o sector. Xa que logo, prevé que o paro se manteña deica á cuarta feira, tal e como estaba previsto, e a partir da quinta feira que dea comezo o diálogo. "É un pulso que temos que manter, porque eles queren ver como estamos de fortes", di Piñeiro.
Neste mesmo senso manifestouse Manuel Bastón, de CCOO, que augura que a folga continuará. Ademais, criticou a actitude dos empresarios, por non poñer enriba da mesa "nin unha soa proposta, por moi disparatada que fose", e anunciou que mobilizacións como a que paralizou a produción da quenda de noite de Citroën vanse repetir este martes.
Este luns ás 22.00 horas está convocada unha nova asemblea de traballadores, onde se organizarán os piquetes informativos da xornada.