O Partido Socialista e os seus aliados superan en menos de dous puntos á dereita, unha diferenza moito menor da agardada.
Finalmente a maré vermella non foi para tanto, e aínda que a esquerda impúxose globalmente na primeira volta das eleccións locais francesas, a UMP dun Sarkozy en horas baixas resistiu mellor do agardado. As sondaxes auguraban un triunfo do Partido Socialista con ao redor de sete puntos de diferenza, unha fenda que finalmente ficou en menos de dous (47.05% fronte a 45.29%). Parece que a clave estivo na baixa participación, que caeu seis puntos, até o 61%. Iso si, nas eleccións cantonais, aos distintos departamentos nos que se organiza, o PS obtivo unha vitoria máis clara (48% fronte a 41%).
A esquerda fíxose con Lyon na primeira volta, e vai facer o mesmo con París na segunda (Bertrand Delanoe adianta en 14 puntos ao seu rival), e acada o seu marior éxito superando á UMP en Estrasburgo, cidade que até o de agora estaba nas mans dos conservadores. Pero o partido de Sarkozy obtivo unha gran vitoria en Burdeos, e parece que vai reter Marsella (o actual alcalde conservador, Jean-Claude Gaudin, sitúase por diante do candidato socialista, Jean-Noel Guérini cunha diferenza de dous puntos) e confía en darlle a volta aos resultados na segunda volta a nivel global.
Unha das claves da segunda volta estará no centrista Bayrou, segundo candidato máis votado en Pau, e cuxos votos no resto do país, disputados por esquerda e dereita, poderían decidir moitas alcaldías. Polo momento, non deu indicación ningunha aos seus partidarios.