O menor Estado independente do mundo, o Vaticano, conmemora este luns os 79 anos dos Pactos Lateranenses.
Hai apenas uns días que o Papa Bieito XVI se reunía co presidente de Cosova, Fatmir Seidiu. Unha reunión onde o Pontífice evitou pronunciarse sobre a inminente proclamación da independencia de Cosova, administrada pola ONU e baixo o control da OTAN desde hai xa nove anos. En comunicado ao respecto, o Vaticano explicou que a súa posición simplemente referendará o que a comunidade internacional decida por maioría ao respecto.
Un debate sobre o que será o próximo estado independente no continente europeo que coincide esta semana co aniversario do que é o máis pequeno estado en Europa, o propio Vaticano. Este luns 11 de febreiro fanse anos dos Pactos Lateranenses, que en 1929 estabeleceron a independencia e soberanía da Santa Sé e deron lugar ao Estado da Cidade do Vaticano.