Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CEFERINO DÍAZ, DEPUTADO DO PSDEG-PSOE

"O Pacto do Hostal foi posíbel porque o PSOE dixo non ao Estatuto de UCD"

O deputado e histórico político do PSdeG-PSOE presenta A esforzada conquista da autonomía: 1979-81, a medio camiño entre unhas memorias e unha crónica do proceso estatutario.

Marcos S. Pérez - 18:50 26/12/2007

Ceferino Díaz leva máis de media vida en política. Estivo no PSG até 1977, cando ingresou no PSdeG-PSOE, dentro do chamado Colectivo Socialista Galego, canda a Rodríguez Pardo ou González Laxe. Foi deputado autonómico entre 1981 e 1996 e é deputado no Congreso dende o 2000. A Transición Política en Galiza, e en particular o proceso de construción da autonomía, aínda están necesitados de estudos académicos e reflexións persoais, dun corpus de discursos que analicen a historia do país nos últimos anos setenta e primeiros oitenta, así coma as súas implicacións presentes. Ceferino Díaz achega a súa visión en A esforzada conquista da autonomía: 1979-81 (Galaxia).

Centra o libro nas negociacións que tiveron lugar en Madrid nos últimos meses de 1979, e na defensa da actuación do PSOE rexeitando o texto proposto por UCD...

A clave está aí, e non tanto nos Pactos do Hostal. Se hai uns pactos do Hostal, é porque antes houbo un non. E o non non era doado. Había unha presión moi forte para que Galiza aceptase un estatuto recurtado. En moitos lugares fálase de que a dirección madrileña do PSOE estaba nesa estratexia, pero o mesmo se podería dicir dos nacionalistas vascos e cataláns, que non se opuxeron á proposta de UCD.

As presións do PSOE madrileño para que vostedes aceptaran o texto foron moi fortes?

Máis que presións, eu falaría de reticencias á nosa posición, sobre todo porque dicían: "votades non, e despois que?". Foi difícil conseguir que a inmensa maioría do PSOE galego se posicionase coma nós, a prol dun texto máis avanzado, e despois o máis complicado foi convencer ao partido en Madrid de que todo o PSOE en Galiza estaba nesa posición.

Que importancia tivo o feito de que o sector galeguista tomara o control do partido no verán de 1979?
Naquel congreso, que tivemos en xullo e que acabou colocando a Rodríguez Pardo como secretario xeral, houbo varias cuestións. Nós forzamos a celebración dese congreso extraordinario porque estabamos molestos cos cambios que Madrid fixera nas listas electorais das eleccións de marzo, non atendendo ás listas que votáramos en Galiza. E en segundo lugar porque non aceptabamos os recurtes que a asemblea de parlamentarios efectuara sobre o Estatuto dos 16. O obxectivo declarado do congreso era ir a Madrid a forzar unha revisión á alza do texto.

Pero en Madrid aínda se recurtou máis o texto xa recurtado...
Era unha situación moi complicada. Fíxate que os deputados vascos e cataláns foran a Madrid a defender os textos de Sau e Gernika, e nós non só tiñamos que defender o noso, senón que queriamos melloralo. Ademais, foran meses de moitos atentados, e había un intento de frear o desenvolvemento do Estado das Autonomías. O goberno optou nese momento por conceder unicamente dúas autonomías, a de Euskadi e Cataluña, e cortar o proceso en Galiza.

Notaban o apoio da sociedade á súa postura?
Non había o tal apoio social, iso temos que telo claro. A autonomía galega é unha construción dunha clase política moi concreta, os políticos que viñamos da clandestinidade. E tamén dos medios de comunicación, que fixeron visible o apoio social ao autogoberno e déronlle moita máis forza do que realmente tiña. A historia ten que recoñecer o seu importantísimo papel.

E que pasou ao longo de 1980? Como se chegou ao Pacto do Hostal?
UCD non quería modificar o xa acordado e unicamente buscaba a complicidade dalguén para apoiar o seu texto. En realidade, o que plantexaban era un "ou isto ou nada". Parecía que a única alternativa se rexeitabamos o texto era que entrase por vía de lei orgánica, o que lle daba unha categoría inferior. Isto mesmo provocou unha crise no PSOE galego en 1980, no congreso de Vigo no que Rodríguez Pardo foi apartado da secretaría xeral. Rodríguez Pardo non entendía que houbese outras opcións que aceptar o texto de UCD ou rexeitalo e quedar sen Estatuto. En cambio nós tiñamos o optimismo da vontade e estabamos convencidos de que tiña que haber outra vía, de que tiñamos que inventarnos outra vía.

E UCD acabou cedendo...
Si, pero só cando a UCD tivo unha organización galega e uns interlocutores válidos, non dependentes de Madrid, puidose desbloquear o Estatuto. Iso é moi simbólico do que era Galiza daquela.

Como valora o Estatuto, 25 anos despois?
O Estatuto demostrouse un instrumento válido para todos, como se ve en que hoxe esteamos gobernando en coalición o PSOE e un partido que naquel momento opúxose á autonomía.


Ligazóns

4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: