Francisco Rodríguez, voceiro do BNG no Congreso
"A idea dunha Galiza incapaz está introducida incluso no nacionalismo"
En poucos meses deixará Madrid despois da súa traxectoria como deputado nacionalista no Congreso. Esta semana visitou Vieiros. Con el falamos entre outros asuntos da política estatal, do BNG ou do Goberno.
F.Arrizado/R.Noguerol/R.Vilar/ Uxío Broullón (vídeo)/ César Galdo (fotos) - 09:10 14/11/2007
Tags:
Francisco Rodríguez apura os últimos meses como voceiro do BNG no Congreso. Atrás quedan doce anos de intenso e brillante traballo parlamentario que ninguén lle discute. O adeus ao Parlamento español, non é nin moito menos, un adeus ao activismo político. Aos seus 62 anos, Rodríguez quere combinar a docencia (pedirá atender alumnos de Garantía Social) co traballo interno no Bloque. O líder da UPG, o partido historicamente hexemónico dentro da organización frontista, quere seguir a dar a batalla. Logo de 35 anos militando no nacionalismo repasa con Vieiros a súa última etapa no Congreso e tamén se estende na súa visión do problema nacional. Rodríguez é consciente de que a súa persoa esperta simpatías e receos a partes iguais, incluso dentro do propio Bloque. Mentres que uns o consideran unha das figuras máis válidas do nacionalismo contemporáneo outros cren que é unha sombra demasiado pesada e incluso negativa para o futuro do BNG. Sexa como for, Paco Rodríguez non puxo ningún tipo de condicionante para debater abertamente con Vieiros. Durante case dúas horas participou nunha mesa de redacción na que non faltaron momentos de paixón e outros máis pausadamente reflexivos. Ofrecémoslle os resultados desa conversa: