O documento ordena as actuacións para aumentar o hábito de ler e fortalecer o sector.
Ánxela Bugallo
Os tres grupos do Parlamento aprobaron este mércores en comisión o primeiro plan para o fomento da lectura co que contará o noso país. O documento, presentado pola conselleira de Cultura e Deporte, ordenará de xeito integral todos os esforzos para incrementar o hábito de ler e fortalecer os actores do sector, dende libreiros a bibliotecas e editores. O investimento será de 50 millóns de euros até o ano 2011.
O Plan de Lectura é unha das medidas incluídas na Lei do Libro e da Lectura, vixente dende o mes de xaneiro, para organizar un sector de grande importancia económica e cultural. O documento elaborouse mediante un diálogo entre Cultura e as partes implicadas, e aprobouse na Mesa polo Libro, onde participan os principais actores do sector máis as consellarías de Cultura e Educación.
O plan inclúe medidas de promoción para a mellora da imaxe social do libro: campañas de publicidade, eventos relacionados coa escrita e cooperación con bibliotecas, librarías, editoriais e autores. Por outra banda, tratarase de fortalecer o sistema bibliotecario coa dotación de fondos e o aumento das bibliotecas virtuais en galego. Ademais, o plan salienta a importancia de darlle un pulo á lectura no ensino e a formar os promotores e mediadores.
Segundo os datos do Plan Xeral de Normalización, malia que a case totalidade da poboación entende o noso idioma, só o len o 68%. Por iso, o Plan de Lectura fará fincapé na consideración social do libro en galego.
Outra das medidas postas pola Consellaría de Cultura será a creación dunha Oficina da Lectura que coordine, controle e apoie o plan. Ademais, apoiarase un programa de traducións do corpus universal e científico e poñerase en marcha un portal de lectura con textos dixitalizados.
O Observatorio da Lingua Galega facilitará, por primeira vez, datos do sector cultural do país. Nel participan, ademais da consellaría, o Instituto Galego de Estatística e o Consello da Cultura. O observatorio analizará de xeito independente, entre outros aspectos, os hábitos culturais da poboación.
Amais do Plan de Lectura, a Lei do Libro tamén se refire á aprobación do Consello Asesor do Libro. O organismo xa foi creado formalmente pola consellaría o 26 de setembro. O seu cometido será elaborar informes sobre os índices de lectura e da produción en Galiza e propostas de actuación para o fomento da lectura, da edición ou da comercialización.
Ese consello substituirá a Mesa do Libro para darlle voz a todos os actores implicados no sector, e tamén confeccionará unha guía de recursos para o fomento da lectura, promoverá foros de intercambio e debate, organizará o Congreso do Libro Galego, editará a Axenda do Libro e propoñerá estratexias para a promoción da nosa literatura no exterior.