Máis de 70 xefes de estado e de goberno participan en Nova York na xuntanza convocada por Ban Ki-Moon para tratar o futuro post-Quioto. O presidente de EUA estará na cea de clausura.
Ban Ki-Moon dálle a benvida á xuntanza a Tony Blair, mediador para Oriente Próximo
Máis de 70 xefes de Estado e de Goberno participan dende este luns en Nova York na reunión convocada polo secretario xeral das Nacións Unidas, Ban Ki-Moon, sobre o futuro post-Quioto: a Conferencia da ONU sobre o Cambio Climático que terá lugar do 3 ao14 de decembro en Bali.
O gran ausente desta cita, que leva por título O futuro nas nosas mans: Os líderes mundiais ante ao cambio climático, é o presidente dos Estados Unidos, George Bush, paladín da defensa de non fixar límites ás emisións de gases á atmosfera, aínda que si estará na cea organizada para pechar o evento.
Entre os que si asistirán -non só ao banquete- están a chanceleresa alemá, Angela Merkel, os presidentes dos gobernos español e francés, José Luis Rodríguez Zapatero e Nicolas Sarkozy, ou o xefe do Estado boliviano, Evo Morales.
Tamén estarán presentes outras importantes figuras como o ex vicepresidente estadounidense Al Gore ou o gobernador de California, Arnold Schwarzenegger.
En total haberá representantes de máis de 150 países co fin de achegar posturas de cara ao comezo das negociacións dun novo pacto internacional que renove a Convención Marco da ONU sobre o Cambio Climático.