Dúas ducias de colectivos ecoloxistas, entre eles varios galegos, asinan a carta enviada á Comisión Europea onde piden que non se autorice o chamado "Plan nacional de asignación de dereitos de emisión para o período 2008-2012, PNA2. Lembran que sobre o borrador contra o cambio climático enviáronlle ao goberno español unha escolma de recomendacións e láianse de quen ningunha foi considerada. A queixa coincide coa celebración do segundo aniversario da entrada en vigor do Protocolo de Quioto.
"Fai un uso desproporcionado do Mecanismo de Desenvolvemento Limpo, MDL, xustifica a utilización de Fondos de Axuda ao Desenvolvemento para a obtención de créditos procedentes do MDL, realiza unha sobreasignación de dereitos ao sector eléctrico que representa unha subvención a este sector e ademais, as regras de reparto incentivan a produción eléctrica con carbón". Velaí o resumo das críticas dos colectivos asinantes, entre eles a Federación Ecoloxista Galega, ao plan estatal enviado a Bruxelas.
O MDL é un dos tres mecanismos de flexibilidade acordados en Quioto para axudarlle aos países ricos e ás economías en desenvolvemento a transición cara ao cumprimento pleno da redución de emisións. Implica a realización de proxectos en países en desenvolvemento que deben xerar un aforro de emisións adicional ao que se produciría no suposto de ter empregado tecnoloxía convencional. O aforro debe ser certificado por unha entidade acreditada. Tales reducións de emisións poder ser comercializadas, axudando a conseguir os compromisos aos que obriga Quioto.