Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PROXECTO CORDINADO EN VIGO POLO CETMAR

Un dos primeiros prototipos para sacar enerxía das ondas probarase en Galiza

A plataforma podería subministrar enerxía para 5.000 fogares e triplica a eficacia das boias actuais

Manuel Vilas - 14:30 21/08/2007

Pipo Systems, unha empresa catalá, está a desenvolver un dos primeiros prototipos no mundo capaz de aproveitar a enerxía das ondas do mar. Os seu plan é probalo fronte á costa galega no verán de 2009.

Trátase dunha iniciativa pioneira a nivel mundial, pois na actualidade non hai ningún sistema de explotación da enerxía maremotriz que funcione a nivel comercial, segundo explica a enxeñeira de Pipo, Elena Ibañez.

Triplica á eficiencia dos anteriores sistemas
Unha das primeiras boias de Pipo acaba de ser probada nos laboratorios da Universidade Politécnica de Cataluña con “resultados moi positivos”. A plataforma está deseñada para aproveitar ao máximo a enerxía das ondas.

Faino até tal punto que triplica a eficiencia dos sistemas existentes ata agora. Por exemplo, o prototipo que se vai probar en Galiza podería producir enerxía abondo para unha vila de 5.000 habitantes, explica a enxeñeira.

Búscase que non teña impacto na pesca

Un dos puntos máis complicados é achar o mellor lugar no que ancorar a plataforma, que debe ter un máximo de 70 metros de profundidade e estar a unhas dúas millas da costa.

Por iso un equipo de científicos das universidades de Vigo e A Coruña, coordinados dende o CETMAR de Vigo, traballa na localización dun lugar que non prexudique á pesca de baixura. Ibañez explica que se descartan as zonas con “intereses comerciais e con protección mediomabiental”.

Un proxecto dun millón de euros
As posibilidades de adaptación desta tecnoloxía son moi elevadas, e Pipo Systems xa traballa nunhas boias que, no lugar de producir enerxía, aprovéitana para desalgar auga.

O desenvolvemento desta prometedora iniciativa ten un custo elevado, dado o seu alto grao de innovación. Máis dun millón de euros están a ser invertidos. A Consellería de Innovación e Industria aporta a metade dos cartos aproximadamente, en virtude dun convenio asinado no outono de 2006.


3,57/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Recreación da plataforma que se probará en Galiza / Pipo Systems
Recreación da plataforma que se probará en Galiza / Pipo Systems