Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O país comeza un camiño histórico

O 'Diálogo Nacional', primeira pedra cara á independencia de Escocia

Alex Salmond presenta a campaña gobernamental A National conversation begins para darlle a coñecer o seu plan de secesión á sociedade escocesa.

Redacción - 15:15 14/08/2007

O primeiro ministro escocés, Alex Salmond, presentou publicamente na mañá deste martes o plan do goberno que dirixe de cara a consecución da independencia para o país, que remataría cunha consulta popular a finais desta década, é dicir antes de rematar a presente lexislatura.

A National conversation begins (Comeza un diálogo nacional) é o lema elixido polo executivo escocés para a campaña que dará a coñecer e abrirá o debate (cunha moi importante presenza na rede) a toda a sociedade.

Moi significativo desta apertura á controversia, ao intercambio de ideas e á resolución de dúbidas que poidan existir entre a sociedade é a habilitación dun blog -que asina o mesmo Salmond- dentro da páxina www.anationalconversation.com, elaborada polo goberno, onde os escoceses -e os non escoceses- poden deixar os seus comentarios e manter un diálogo fluído.

Debate aberto
Non menos representativo da actitude do executivo de Alex Salmond, que busca implicar a todos os seus cidadáns neste importante proceso nacional, é a tradución do plan de independencia ás linguas das principais comunidades residentes en Escocia: chinés, hindi, urdu, punjabi, polaco, bengalí e árabe.

"Non facer cambios xa non é unha opción", afirmou Salmond este martes na presentación do documento de medio cento de páxinas; no entanto salientou que existe unha "ampla variedade de posibilidades" que agora deberán de ser debatidas polo pobo, e dixo que aínda que o seu obxectivo é que o proceso remate cunha consulta popular nas urnas, ten a súa mente "aberta e flexíbel" a opcións alternativas.

Tres propostas
A proposta gobernamental para o Diálogo Nacional consta de tres vías: primeira, continuar co actual status 'constitucional', sen ou con mínimos cambios; segunda, aumentar as competencias naquelas áreas que así se decidan no proceso de debate; ou, terceira, dar os pasos pertinentes para permitir que Escocia sexa un estado completamente independente e soberano.

O documento recolle ademais a pregunta do hipotético referendo: os votantes deberan decidir se están de acordo ('I agree') ou desacordo ('I do not agree') con que "o goberno escocés negocie un acordo co goberno do Reino Unido para que Escocia se converta nun estado independente".

Porén, Salmond deixa a porta aberta a unha pregunta múltipla: "É o momento de que aqueles que queiran incluír outras alternativas na papeleta do referendo as presenten ao goberno para a súa consideración".

Oposición á independencia de Escocia
Salmond considera que o plan presentado, tal e como prometeu tanto antes como despois de gañar as pasadas eleccións lexislativas, responde ao requirimento do pobo escocés de posuír "maior influencia e poder de decisión".

Os principais partidos da oposición -Laboristas, Conservadores e Liberal demócratas-, que este mesmo luns denunciaron a "división e incerteza" que xera o plan, van facer unha fronte común en contra da independencia. O arredismo conta co apoio do partido dos Verdes.


Documentos

4,83/5 (18 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: