Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
Tamén na Coruña, Santiago e Ourense

BNG e PSdeG chegan a un principio de acordo en Vigo

Este sábado constitúense os 315 concellos do país, que permitirá coñecer con maior alcance o verdadeiro resultado das pasadas eleccións municipais.

Redacción - 09:35 16/06/2007

As comisións negociadoras do BNG e do PSdeG, que estiveron reunidas este venres durante case seis horas para pechar un pacto de goberno na cidade, chegaron finalmente a un principio de acordo que terá que ser ratificado e asinado polos candidatos de ambas as formacións políticas, Santiago Domínguez e Abel Caballero.

A sinatura do pacto de goberno queda pendente de que se prepare a documentación necesaria, e inclúe acordos programáticos, na vintena de medidas que os nacionalistas e socialistas consideran prioritarias para o novo Executivo local, así como tamén na repartición de áreas de responsabilidade. Ademais, tal e como se recolle no acordo marco galego, haberá un primeiro tenente de alcalde con competencias e capacidade de xestión.

Repartimento en Vigo
Os departamentos do BNG, todos os que propuxo na negociación, serán: Cultura, Animación Sociocultural e Normalización Lingüística; Industria, Comercio e Turismo; Cascos Históricos e Patrimonio Histórico; Benestar Social e Igualdade; e Deporte e Mocidade.

Pola súa banda, os nove edís socialistas dirixirán as áreas de Urbanismo e Vivenda; Economía e Facenda; Tráfico, Seguridade e Transporte; Educación; Servizos Xerais; Medio Ambiente, Sanidade e Consumo; Xestión Municipal e Participación Cidadá; e Promoción Económica e Emprego.

A Coruña
Na Coruña, o alcalde en funcións, o socialista Xavier Losada, e o candidato do BNG, Henrique Tello, conseguiron tamén á última hora deste venres pechar un pacto para gobernar en coalición os próximos catro anos tras achegar posturas sobre a repartición de concellarías.

Ademais, o voceiro do BNG na Coruña garantiu que os seis concelleiros electos do seu partido apoiarán cos seus votos a candidatura de Losada para ser reelixido como alcalde. O PSdeG conta, pola súa parte, con 11 edís. Tras non conseguiren o pacto ao longo do día, ambos os dous líderes retomaron as negociacións ás 21.00 horas e conseguiron pechar o pacto.

Compostela

Tamén en Compostela, tal e como era previsto, os negociadores do PSdeG e do BNG conseguiron pechar este venres un "principio de acordo", que inclúe a repartición de áreas para "un goberno estable" no Concello de Santiago de Compostela.

Tras máis de catro horas de reunión e con atraso respecto á hora na que estaba convocada unha comparecencia do aspirante socialista e alcalde en funcións Xosé Sánchez Bugallo, todos os membros da comisión negociadora saíron para escoitalo, así como tamén ao voceiro municipal do BNG, Néstor Rego. "Hai un principio de acordo que se formalizará nos vindeiros días", sinalaron.

Os detalles deste pacto presentaranse ás 11.30 horas, antes do primeiro pleno da lexislatura en que se constituirá a nova corporación compostelá, aínda que xa se avanzou que haberá unha única tenza de alcaldía e que a repartición de áreas de goberno será proporcional entre ambas as dúas formacións.

Ourense

Por outra banda, en Ourense, o pacto entre BNG e PSdeG acordado na mañá do venres terá en conta no reparto de concellarías os propios temas nos que cada un dos grupos adicou máis atención durante o labor de oposición nos últimos anos.

Ao tempo, tamén decidiron que as áreas nas que exercerán responsabilidade os edís de cada un dos grupos coincidan coas que exerce a respectiva formación no goberno da Xunta.


4,67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: