O embaixador en Israel non acudirá de non se retirar unha foto do papa Pío XII con referencias a súa pasividade ante o asasinato de xudeus durante a II Guerra Mundial.
O embaixador do Vaticano en Israel ameazou este xoves con boicotear a cerimonia do Memorial do Holocausto xudeu deste domingo, debido a imaxe que do papa Pío XII se dá nun museo da cidade, e que fai referencia a actitude pasiva deste fronte os asasinatos de xudeus por parte dos nazis.
O arcebispo Antonio Franco dixo que escribira ao director do Museo do Holocausto Yad Vashem solicitándolle a revisión da lenda que acompaña a unha imaxe do pontífice, extraída da prensa israelí, na que se afirma: o papa Pío XII abstívose de asinar a declaración dos Aliados que condenaba o exterminio dos xudeus" e "mantivo a súa posición de neutralidade ao longo de toda a II Guerra Mundial".
Na misiva, o arcebispo Franco advirte que non se "sentiría cómodo indo ao Yad Vashem" de non se corrixir esas palabras ou de non se retirar a foto. Esta exponse nunha parte nova do museo aberta en 2005. O Yad Vashem alberga este domingo a cerimonia de Estado anual que conmemora aos "Heroes e Mártires do Holocausto". Franco declarou non ter recibido resposta do museo.
"Antisemita e xermanófilo"
Os defensores do papa Pío XII manifestan que este fixo todo o posíbel por axudar aos xudeus, mentres que os seus críticos sinálano como antisemita e xermanófilo. O pontífice traballou en Alemaña antes da súa elección en 1939.
O Yad Vashem, que contén o máis grande arquivo de datos sobre o Holocausto, fixo un comunicado en que facía patente o seu interese por seguir estudando este asunto en colaboración co Vaticano, para contrastar nova e diferente información. Os historiadores reclamáronlle ao Vaticano en numerosas ocasións que abrise por completo os arquivos do papado de Pío XII, que finalizou en 1958.