Amnistía Internacional, Human Rights Watch e a Comisión Internacional de Xuristas, unen as súas voces para criticar o proxecto de lei.
Desde a Comisión Internacional de Xuristas, láianse en particular de que o Estado español "liderou procesos internacionais en favor da verdade e a xustiza" en casos parecidos e "agora amosa que lle resulta tan difícil comprometerse coa verdade" dentro das súas propias fronteiras. "É contraditorio", quéixanse desde este colectivo.
Na mesma liña analizan a situación desde Human Rights Watch, sinalando que o texto presentado polo goberno "non asume ningunha responsabilidade polos atroces crimes cometidos durante a Guerra Civil e o franquismo". Ao fío, denuncian que "non mencionan as normas internacionais de dereitos humanos e "nin sequera os principios de verdade, xustiza e reparación".
De igual forma o ven desde Amnistía Internacional, queixándose de que se evite afondar nas causas da represión e de que se teime en protexer a identidade dos que a exerceron. "É un mal exemplo na loita contra a impunidade", afirman.
Os tres colectivos fan o balance logo das reunións mantidas nos últimos días con representantes dos grupos parlamentarios, do propio executivo e do ámbito xudicial, para analizar o borrador en trámite e as posíbeis emendas. Coinciden en que aínda hai tempo para mellorar o proxecto no caso de que exista unha "vontade política real".