Vieiros

Vieiros de meu (ou rexistrate)

Eleccións Galiza 2009

ir á portada do especial

Susana Moo é escritora, entre outras facetas que prefire non desvelar. Podería ser a súa veciña, a súa xefa, a súa amante ou mesmo a súa muller, a carniceira do súper ou a mestra dos nenos. Aquela que vai no autobús e quita o hipo ou aquela outra, coitada, que guapa non é. Poden atopala na bitácora Erotómana e no xornal virtual Certo.


Susana Moo, a quen tamén lembrarán pola súa intensa participación no certame de relato erótico de Vieiros, Ferve a Rede, mételle temperatura á campaña electoral. Quintana, Feijoo e Touriño pasan polas sabas de Susana cada noite... Achegámoslles a súa primeira reflexión


10:15 27/02/2009

A erótica no poder

Eu téñolles agarimo aos políticos que non puideron agochar as súas baixas paixóns. Agradezo moito o legado de lubricidade dentro das elevadas esferas: Clinton e a súa lambetada xeneticamente demostrada; Kennedy, que disque lle gustaba facelo de pé coa Marilín; o gran Napoleón, que deixou documento escrito que amosa a súa paixón polos cheiros corporais de Xosefina, á que lle prohibía lavar as súas carnes cando menos na semana anterior ao seu encontro sexual; e Carliños de Inglaterra, que seica devecía por ser o tampax de Camila..., e conseguiuno!    

E digo eu: Non podería, por favor, algún dos nosos políticos facer un escándalo para lle dar alegría a esta campaña, e para que se fale de nós fóra das nosas fronteiras? Para que se vexa que aos galegos lles sobra, e ás galegas xa non digamos.


10:00 26/02/2009

AVE

Disque queren traer o AVE e andan todos enfurruñados, os uns porque xa lles tarda, os outros polos cumprimentos dos prazos.

E eu miro preocupada polo símbolo falocéntrico que representa. E é que os galegos e as galegas estamos afeitos a unha volta polo medio e outra polo arredor, e esa é a mellor ensinanza sexual que se lle pode dar aos mozos que empezan coa teima da fodenda.

Inconscientemente, se os nosos mozos entenden que o xeito de entrar e saír é a cen quilómetros por hora, apaga e liscamos.

Xa fai moito mal a pornografía, que parece que eses homiños e mulleriñas espidos trebellan levados polo demo -zaca, zaca, zaca- berrando a gorxa rachada, para vir agora o becho do AVE.

E digo eu, e con isto non digo nada: non sería mellor aquelar as cercanías?


11:15 25/02/2009

O mitin

Escoitar un mitin é coma foder co home de toda a vida: o 'ministro' sabe moi ben que pasiños ir dando para quentar a ola. E sabe, o lareteiro, que estás da súa parte, que es público gañado.      

Ás veces o marido (ou o político), ponlle paixón ao conto e aínda acada aplausos, pero as máis das veces, de tan sabido o discurso aburre até o bocexo vaxinal.     

A esposa fiel (ou a histórica do partido) o orgasmo ter, teno, aínda que só sexa por afinidade, especialmente se o protagonista do acto lle dá ben á lingua e dirixe ben a batuta.


10:30 24/02/2009

Os gaiteiros

O ex-presidente Manuel Fraga levaba milleiros de gaiteiros á súa toma de posesión e eu son partidaria de retomar ese costume gañe o que gañe.    

Xa sei que hai moita gaiteira, algunha ben afamada, pero eu imaxino o Obradoiro ateigado de gaiteiros varóns, cos seus pantalonciños cinguidos, apertadiño o cu, as súas gaitas infladas - tiririiiii!!-.    

Gaiteiriños de Betanzos, de Noia e de Tui, todos rebuldeiros a facer barullo, os bocois do viño gorxa abaixo e o sangue a ferver. Uns a botar aturuxos e os outros, que aquilo xa lles estoupa, a gabar as mulleres coa chamada da selva nas pupilas. Tanta gaita tesa polo Franco!!     

Esa é nunha esmorga que eu non perdería por nada do mundo, gañara o que gañara.


10:00 23/02/2009

Corina e os políticos feos

Estou a favor dos homes feos, eses con cara de cocho, fociño de porco e orellas de corricho. Cando levas un ao lado, refulxes coma deusa da beleza aínda que sexas simpliña de todo.   

Isto é o que non entende Corina Porro: a ela gústanlle guapos, recordemos se non cando era alcaldesa de Vigo: encheu as rúas de parellas de policías locais cada un máis bo mozo. Eu non sei se foi ela a que fixo a selección persoalmente, penso que non, pero parecer, parecía. A Policía de Vigo quérea ben, tratounos de marabilla a todos eses macizos con porra e botas.  

Pero Corina debe entender que os homes feos tamén teñen a súa función. Que non lle viría mal rodearse deles para brillar coma estrela dourada.


10:30 22/02/2009

Os verdes

É importantísimo tomar conciencia da preocupación verde.   

Os homes, dende logo, pero para as mulleres é moi doloroso constatar nas propias carnes que un día converteraste nunha vella verde. 

Cando eramos mociñas, rexeitabamos aos vellos que nos miraban libidinosos, aos babosos que peiteaban canas e nos facían as beiras coma se fosen mozos.    

Claro, van pasando os anos e unha mira no seu arredor como príncipes azuis mudan en vellos verdes e comezas a miralos compasivamente, solidariamente, porque chegará un día que unha tamén poña os ollos en homes moito máis novos.    Penso que o labor dos verdes é fundamental para dignificar esta situación no mundo.


13:13 21/02/2009

Nós, Unidade Popular

Son moitos os galegos que se quentan coas representantes do grupo Nós-Unidade Popular. Quéntanse porque son mulleres as cabezas de lista das catro provincias. Gema, Zeltia, Paula e Noa: catro anxos do Charly na procura dunha comunidade mellor, catro mozas caralludas que disque representan á clase parada do País.

Poñen a ferver aos pailáns que non poden deixar de imaxinalas en látex, carmín e tacóns de agulla. Tan simples estes homiños!

Pero nenas, non vos amoledes: é inevitable, sonche así. De seguro que gustan de vos imaxinar bisexuais, desas que tanto lles ten porco con rabo que porco rabelo, que vos soñan acabándolle as pilas aos xoguetes sexuais. Pero non vos enfadedes, ho! Todos eses tópicos que lles excitan non son máis que froito da sexualidade monocor que domina nos medios, e non teñen a culpa de que se lles empine vendo catro mulleres independentes, de clara liña revolucionaria.
Non teñen culpa de que lles ferva o grelo ao ver multiplicado por catro o poder feminino, e mesmo pode que vos dean algún votiño solto.


11:30 20/02/2009

Quintana e o cunnilingus

A barbiña de dous días que loce o candidato do BNG, Anxo Quintana, estilo Pedro Picapedra, é un perigo para facer o cunnilingus. Eses pinchiños que arrodean os seus beizos son ideais se sabe usalos, pero moi incómodos se vai ao bruto.

Supoño que el xa saberá pero, por se lle axuda, aí vai o meu consello.  

Anxo: arrabuñar docemente o pube e o monte de Venus coa túa barbiña pode ser unha experiencia moi pracenteira, pero tes que ter moito coidadiño no mollo da ameixa. Cómpre que teñas en conta que eses cañotos non deben rozar as ninfas, e moito menos o clítoris, pois a sensibilidade aí é suprema. O teu queixo é unha bomba de acio nese arumoso emprazamento. Utiliza a túa lingua e os teus beizos, pero o control é importante, non te emociones e arrimes a faciana de máis porque cortaríaslle o punto á afortunada femia receptora dos teus agarimos.  

Porén, se fozas polos arredores, fóra da cuncha, intensificarás o pracer e podes chegar a recibir auténticas mareas vivas de setembro na túa gorxa. 

 Ai, Quintana! Lambón! Moi ben afeitadiño vas para estes traballos... Larpeiro!

1


11:00 19/02/2009

Touriño e seus beizos sensuais

O touro simboliza a potencia viril, é arquetipo de masculinidade e fortaleza.
Fará honor o noso actual presidente ao seu apelido? 

O candidato á Xunta polo PSdeG ten uns beizos sensuais, case femininos e por moito que o intente non o imaxino fodendo coma touro con impulsivos fungueirazos, máis ben imaxínoo fodendo coma misioneiro.  

Tenme toda a pinta, o Touriño, de gustarlle os agarimos doces, acochar enriba da muller e facer o choio con moito bico dondo e bafo quente. Penso que o cume erótico de Touriño é sentir como a súa femia orgasmea ao redor do seu curuto, grazas ao seu bo facer.  

Pero non fiedes das miñas percepcións, pode que Touriño sexa toda unha besta sexual obsesionada pola monta animal e guste de facelo como o boi llo fai á vaca. 

 Iso nos non o sabemos, sábeo el, e fai ben e non nolo contar... que raio nos importa?

4


10:30 18/02/2009

Feijoo, xoguete sexual

A min conténtame que Feijoo estea solteiro por variar un chisco o colorido de políticos felizmente casados coa súa dona ao brazo.

Din que ten moza e terá, pero eu imaxínoo coma picaflor. Un deses solteiros dourados que se deixan querer por unhas e por outras.  

Porque o Feijoo é guapo e ten corpo e sabe falar sensualmente e sabe agochar nas súas verbas unha sexualidade viril: 

“Galicia necesita un gobierno dirigido con una única dirección y un único liderazgo”, dicía o outro día amosando, impúdico, o seu xeito de entender as relacións sexuais, tan masculino, tan falocrático que unha non pode pasar por alto a voluntariedade que debe poñer o home na fodenda.  

Imaxinades a quentura das mozas solteiras do PPdeG cando chega aos mitins tan aqueladiño, lavado e reverendo?

Imaxinades a emoción das casadas do partido ás que lles gusta comer caldo e pan na leiriña allea? 

Aí onde o vedes, en ringleira tenas o Feijoo!

1


12:30 17/02/2009

Non quixera que un home con pito de rato fora o representante de Galiza

As facianas dos aspirantes á presidencia da Xunta –todos eles homes- empapelan os carteis das nosas vilas e cidades. Cariñas molladas coma pitos ao frío e á chuvia.

A min dinme máis os xenitais dun home que a súa faciana retocada. Non son excéntrica de máis: na maioría das especies de mamíferos fai un papel importante o membro viril á hora de aceptar o macho dominante. 

O morfodeterminismo, estudo que tenta predicir a tendencia dunha personalidade en función da súa constitución física, é unha ciencia pouco exacta pero eu teño a miña clasificación e se ao aspirante lle pendurara excesivamente o aparello, clasificaríao como chaiñas e o meu voto non llo daba. Se tivera os oviños aló enriba, apretadiños contra o escroto, meu voto non llo daba por acolloado. Non me importaría que tivera un ovo máis grande ca o outro, ou a pixa torda, as imperfeccións son humanas e parécenme saudables, pero se algún deses mandatarios amosase un micropene, o meu voto non o tiña.

Non dispoño de motivos para xustificar esta decisión, é puro instinto. Eu non quixera que un home con pito de rato fora o representante de Galiza. Levan o pube aquelado? Se algún deles ao baixar o calzón amosase unha selva, que esquecera miña papeleta ...hai que apañar os toxos dos montes!

Estou fixa de que se tiveran o gusto de amosar o carallo, os candidatos farían trampa e amosarían uns estupendos membros longos e tesos que pouco terían que ver coa realidade, pero ai! Canto non folgariamos algunhas ao miralos!!

5


Os programas

Administración pública: inercias e urxencias dun xigante

Os principais grupos políticos teñen a convicción da necesidade dunha nova lei de función pública, malia que difiren na concreción. No medio, o PP pretende suprimir para os funcionarios a obrigatoriedade de coñecer o galego.