Edición xestionada por Nova Escola Galega

Nº25 Novembro 2009
Contacto

Día do Peón 2009




Os xogos tradicionais forman parte da cultura dos pobos; o peón é un destes xogos. O mércores, 11 de Novembro de 2009, Brinquedia, a Rede galega do xogo tradicional convoca o Día do peón; o acto central terá lugar no Paseo da Alameda de Santiago de Compostela, ás 12 da mañá.

 

O peón é un xoguete, feito normalmente con madeira torneada, que na súa punta leva un cravo (ferrón), para que vire con xeito. Para bailar o peón suxéitase unha corda fina (piola ou baraza), enrolada sobre a parte máis ancha (barriga).

A fabricación dos peóns sempre foi traballo dos artesáns. Na actualidade xa é un labor especializado, que se foi tecnificando co paso do tempo.

Estes enredos bailan mellor dependendo do material usado na súa fabricación; así, con madeiras máis pesadas (buxo, carballo, aciñeira) son máis estables e serán máis apreciados.



As tipoloxías de peóns son moi variadas, mais pódense agrupar en tres modelos:

-Bailaretes (danzaricos): son pequenos e bailan cun movemento de rotación realizado coas puntas dos dedos índice e polgar.

-Peóns (buxainas, trompos, pións): fanse xirar mediante unha corda enrolada no corpo, despois de seren lanzados coa man

-Bébedas: bailan azoutados por un cordón atado a un pau, a xeito de látego.

Tamén os hai que son accionados con diferentes mecanismos (cremalleiras, muelles ...)

Nun pasado remoto, os peóns eran obxectos máxicos; os bruxos e adiviños usábanos para ver o futuro. Despois perderon este carácter, converténdose nun xogo popular e tradicional, practicado en todo o mundo. Xapón é o país onde podemos atopar máis formas e variedades de peóns, superando as mil, con formas e medidas moi diversas.

Na nosa terra, hai un dito, “Polo San Martiño, peóns ao camiño”, que indica o costume que sempre houbo de comezar cada ano a bailar os peóns no mes de Novembro. Continuaba dicindo “Polo Santo Amaro, peóns ao faiado”, o que indicaba que no mes de Xaneiro se gardaban ata outro ano.

 



Brinquedia, é unha entidade que coordina a colectivos promotores de xogos e deportes tradicionais. Está formada por asociacións de diversa índole, centros de ensino, clubes de deportes tradicionais, concellos, empresas, movementos de renovación pedagóxica, museos, particulares … 

Entre outros obxectivos persigue o de realizar actividades de recuperación, divulgación e fomento dos xogos de sempre.

Por este motivo convoca e organiza un ano máis o Día do peón, coa finalidade de contribuír ao asentamento deste xogo que ten un carácter basicamente estacional. 

Para o labor de introdución do xogo do peón nos distintos centros escolares galegos distingue tres fases ben diferenciadas: 




Traballo previo ao 11 de Novembro:  
Ensinar a bailar o peón
Deseñar nas aulas cartaces alusivos a esta actividade
Informarse do nome deste xogo en diferentes países
Enviar a ficha de participación que aparece colgada na web de Brinquedia
Ensaiar a canción “Fago o camiño”

Actividades do 11 de Novembro:
Asistir ao acto central ou realizar no propio centro escolar as actividades propostas
Ler o Manifesto escrito por Suso de Toro
Convidar a persoas maiores a que participen nos actos programados
Realizar diferentes exhibicións de habilidades cos peóns
Interpretar a canción “Fago o camiño”, que aparece colgada na web de Brinquedia

Labores para despois do 11 de Novembro:
Continuar coa práctica cotiá de bailar o peón
Marcar espazos fixos nos patios escolares nos que poder vivenciar este xogo
Tentar crear unha exposición-colección de peóns que teña un carácter fixo


 


...Se buscamos a orixe do peón temos que retroceder ata a Idade de Pedra. Nas illas Célebes atopáronse restos arqueolóxicos dalgúns instrumentos ou armas de caza que tiñan forma e utilización semellante a este enredo. 







...No antigo Exipto os peóns estaban presentes en cerimonias e xogos, tal como aparece nalgúns papiros con debuxos de diferentes variedades de peóns. Sempre estaban pintados de cores moi vistosas. 


...Os romanos fomentaban o xogo do peón entre os seus fillos e fillas para evitar que xogasen aos dados, xa que este xogo estaba unido ás apostas de cartos. Por outra banda, as lexións romanas, nas súas conquistas, difundiron o xogo.

 

Brinquedia, entidade organizadora do Día do peón

O mellor “bailaor de peóns (Video de malabarismos en Costa Rica)

Construindo un peón (Gravación do proceso a seguir para facer un peón)

Amics de la Baldufa, (fotos, vídeos, revista, tenda, actividades con peóns)

Saturnotruco. Web na que se poden adquirir peóns, entre outras posibilidades)

Empresa que comercializa e vende peóns

Curiosidades, ligazóns, historia, xogos de peón)  

QUEN SON OS AUTORES DESTE TRABALLO

Xabier López García é un mestre que traballa no CEIP Mosteiro de Caaveiro de A Capela (A Coruña). É membro da Xunta Directiva de Brinquedia desde que esta entidade foi creada.