Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Un galego no Parque Xacobeo

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de Un galego no Parque Xacobeo

Un galego no Parque Xacobeo

   O balbordo abrolla pola bisbarra porteña de Villa del Parque, ao centro-sur da cidade de Bos Aires. A saudade reflicte morriñosa nun neto, de galegos emigrados fai xa tempo, e afrouxa as eivas da lembranza coa achega dun soño, por en valor dende os cascallos nun espazo deturpado co paso dos anos e da crise, o que aínda queda do cinematógrafo onde viviu os intres máis engaiolantes da súa nenez. Así o día 2 de marzo o Cine Parque Xacobeo abriu as súas portas cun fato de películas adicadas á ledicia dos seareiros da sétima arte.
 

Enviada por NorbertoVarelaCalvo NorbertoVarelaCalvo o 26/03/2010 00:08

Nos anos cincuenta do pasado século un dos milleiros de emigrantes galegos que chegaran anos antes á Arxentina na busca do porvir que o seu país lles negara, mercou o vello edificio dun cinematógrafo feito na década dos trinta, a antiga sala renaceu da aquelas co nome de "Cine Parque" cunha capacidade de preto de mil duascentas persoas, e así foi que se converteu máis cedo que tarde no centro da xuntanza e reunión daquela bisbarra de traballadores na capital do país. Co paso do tempo logo dalgunha das crises políticas ou económicas dos anos oitenta na Arxentina, o cine Parque pecho as portas e cara aos finais da década e nos primeiros dos anos noventa o lendario edificio agromou unha rolda de locais comerciais, e nomeado Plaza Park Shoping, a sala do cinematógrafo que perdeu o seu serodio apoxeo e quedou reducida ás cento cincuenta prazas, foi esmorecendo até converterse nun oco húmido e cheirento que rematou pechado pola falla de afeccionados.
 
Tal e como conta o xornalista Fabián Pérez, aos seus 45 anos foi quen de decatarse do fallo e lle dar pulo a esta aventura do rexurdimento do vello Cine Parque, polo que adicou teimudamente os dous últimos anos até que o veu aquelado e mudase arestora ao "Cine Parque Xacobeo", o que semella segundo subliñou unha homenaxe ao emigrante galego, coñecido polas xentes do barrio co alcume de Manolo, máis todo-los centos de miles que o fixeron daquela. Así e todo hoxe a bandeira galega a carón da arxentina ondean na cuberta da fachada do edificio, espello dunha mestura de tradicións que da acordo cun gorentoso programa de películas, as que se amosaran neste novo cinematógrafo o que reflicte á unidade das dúas terras, a de acola maila a de acollida.

Coa finalidade de levar adiante a tarefa da recuperación pediu axuda económica e petou as portas do goberno da Cidade Autónoma de Bos Aires, quen no comezo da obra lle deu as costas, poren recorreu ao Goberno da Xunta de Galicia cun proxecto de adicar o novo espazo á lembranza da emigración mailos colectivos de descendentes dos galegos emigrantes, quen polo medio da Consellaría de Cultura e co gallo do ano santo 2010 lle outorgara sete mil euros, orzamento co cal levou adiante a posta en valor do edificio maila montaxe da maquinaria dixital de proxección de última xeración e duascentas anovadas cadeiras, as que fican na escacexa cos centos de veciños da cidade que amosaron axiña o interese de acudir á primeira proxección na nova vida dun vello cine de barrio. Ao comezo da singradura desta nova quenda da sobranceira sala asistiu o Ministro de Cultura do Goberno porteño, quen anunciou que o seu Ministerio lle concedera unha axuda mensual con fin de fornecer o desenvolvemento da súa actividade.

Consonte cos soños que arelaba este emprendedor, e logo de preto de vinte anos pechado, o día 2 de marzo o Cine Parque Xacobeo abriu as súas portas cun fato de películas adicadas á ledicia dos seareiros da sétima arte, a historia do encantamento co cine dun cativo inquedo e un vello saudoso que amosa a obra nomeada Cinema Paradiso foi a primeira en proxectarse, á que sucederan outras da colleita da cinematografía española e universal. Aínda a programación do novo cine abranguerá as xoias do pasado da cinematografía das décadas dos anos cincuenta, sesenta e setenta do século vinte con ciclos que acadaran o traballo dos directores e os autores dos fíos argumentais, asemade adicara tamén un eido ás novas correntes do cinema galego de autor, as curtas, os vídeos e outras obras de produción independente.

O novo renacer da sala do cinematógrafo a xerado unha forte inquedanza polo seu porvir, enchendo un baleiro nos arredores desta popular barriada, e nunha cidade na que as crises da economía dos derradeiros trinta anos, a muda dos costumes de lecer coa fuxida dos cinematógrafos ás grandes extensións, mailo mal entendido progreso rachou coa vida dos espazos adicados ás ilusións e a maxia dos soños do cine de todo-los tempos, as que fican hoxe convertidas en prazas de aparcamento ou centros de culto vencellados ás correntes relixiosas a marxe do catolicismo, deica establecementos comerciais e paseos de compra.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: