A Xunta de Galicia doa para os nenos de Haití restos da equipación da Selección Galega. Reproduzo a nova do blog do Club de Atletismo Millaraio.
"O xoves, 11 de marzo, recibimos unha caixa coa doazón da Secretaría Xeral para o Deporte. No interior había restos de roupa deportiva do anterior goberno bipartito. Enviaron 10 camisetas sobrantes da Festa do deporte e da Competición deportiva en idade escolar, un chandal da Selección Galega e 7 equipacións (camiseta e pantalón curto).
Lembramos que a Competición deportiva en idade escolar foi unha iniciativa da anterior lexislatura, cando Ánxela Bugallo era Conselleira de Cultura e Deporte, que se celebrou na primavera do 2008. O intento de relanzar a Selección Galega foi tamén idea do anterior bipartito. Segundo a wikipedia a Selección xogou o primeiro partido o 29 de decembro de 2005 e o último o 27 de decembro de 2007. O plan de austeridade de Feijóo, cando chegou ao poder, deixou sen financiación á Selección Galega.
Somos conscientes de que a crise económica provoca recortes na Administración que non desexa "malgastar" os recursos públicos. Non gastar cartos no deporte ou en solidariedade permite adicar os nosos impostos a causas mellores e, sen dúbida, máis necesarias ou de maior proveito... Tamén pode ser que nos engañemos e que, casualmente, o día de limpeza xeral do almacén foi o mesmo que fixeron o noso envío, o que levou a que trabucaran as caixas."