Cómo pode Manuel Baltar falar de "... traballar e recuperar o prestixio e o tempo perdido ...". E cómo pode falar de "... despilfarro, luxorexia e invendible xestión económico-financeira ... " . É ben certo que as máis grandes das mentiras, inxurias e calumnias, atópanse detrás das máscaras da verdade. Por iso, e só por iso, se pode entender o falado.
Dinos Manuel Baltar no seu artigo en xornal.com, 04-03-2010, que "Galicia pode dicir que ten un presidente". Non vou entrar en valoracións de se Galicia ten ou non un bo presidente, pois nada que ver ten con iso o artigo do Sr. Baltar. Non obstante, a crítica, de seu, sería respectable -como o son tódalas críticas nunha sociedade democrática- se houbera saído dunha pluma afastada das lameiras de amargura dese 40% de cidadáns de Ourense que viven na pobreza, e dos aciagos do ronsel de bágoas dos máis 100.000 cidadáns ourensáns que nas últimas tres décadas fuxiron da súa terra. En tres décadas liquidaron unha provincia. Tres décadas. Máis ou menos o mesmo tempo que leva no poder a mafia baltariana. Xa logo, todo canto saia de tal pluma hase atopar con esas 100.000 almas desterradas doutras tantas familias desanaquizadas, para xa alí, perante esa cruel e inverosímil realidade, esborrallarse e descualificarse.
Cómo pode Manuel Baltar falar de "... traballar e recuperar o prestixio e o tempo perdido ...". E cómo pode falar de "... despilfarro, luxorexia e invendible xestión económico-financeira ... " . É ben certo que as máis grandes das mentiras, inxurias e calumnias, atópanse detrás das máscaras da verdade. Por iso, e só por iso, se pode entender o falado.
Pero hai máis: Xusto cando penso que o baltarismo poscónclave monárquico sucesorio xa me ía deixar de sorprender, mira por ónde, aparece Baltar -un deles, tanto dá, creo que a voz cantante aínda a leva o sénior. "O neno" seica aínda non está moi afeito a lidar con estas mundanas liortas cortesáns.- e espétame aquilo de que a Deputación de Ourense ha ter que "apertarse o cinto". Na miña inxenuidade penso que ao mellor é un cambio de dirección, senón nas intencións si ben pensado, para labrarlle un futuro, alén da esterqueira sociopolítica Popular ourensá, ao "neno". E si, pensei que o sénior -aquilo de máis por vello ca por demo- quería introducir accións, case sensatas, desas que ata puideran ser percibidas como emparentadas cuns preceptos e valores medianamente democráticos, e aínda tamén areados cuns toquiños de meritocracia; ou sexa, desvencellándose, só un chisquiño, das prácticas nepotistas e endogámicas do caciquismo máis mesquiño, corrupto e corruptor de canto se ten memoria nestas galaicas terras. Pois non, non ía por aí a cousa -case me serviu de alivio-, a apertada de cinto anunciada polo sénior non a han sentir os obedientes servos da corte baltariana, onde todos han seguir cobrando con dilixente puntualidade, e han seguir vivindo á conta da empobrecida cidadanía ourensá, e aínda tamén do resto da sociedade deste Estado que, asumido nunha covardía incomprensible, é incapaz de lle cortar as subvencións a esa entelequia de deputación onde para atender uns 300.000 habitantes fan falta máis Funcionarios -Deus saberá para que funcións- ca en deputacións como Madrid o Barcelona, que sobrepasan os seis millóns. Ou sexa, os cartos da Deputación de Ourense para pagar os soldos dos servos de (dos) Baltar.
Sigo lendo, e sen sorpresa nin asombro atópome coa explicación: o cinto a apertar non é nin máis nin menos que o das infraestructuras e mailos servizos diarios e necesarios que, supostamente, lle son prestados á cidadanía. Si señor, por unha vez concordo co Baltar: contratar 149 servos máis e pagarlle cortándolle servizos aos babecos que o puxeron no poder. Quizais o momento de reflexión de Ourense pase por morder no acedo da pobreza total.
Ourense só pode ser refundada desde as cinzas da súa propia decadencia, e só pode erguerse con dignidade despois de queimar os últimos farrapos do servilismo baltariano.
Xoán G. Vázquez, Nova Jersey, USA http://xoangvazquez.blogspot.com/