De Fernado Gago na Coruña
A Asociación Cultural Alexandre Bóveda. da Coruña, informa que durante o mes de marzo terá lugar a exposición de fotografías Confusión sen fin de Fernando Gago.
Estará aberta no horario habitual de 16:30 a 20:30h.
FERNANDO GAGO, natural de León e galego de sentimento, xa que leva residindo en Lugo máis da metade da súa vida.
Leva facendo fotografía dende o ano 1.983, no ano 1.985 cursa estudos de fotografía no Instituto Americano, vinculado coa Escola Técnica de Alta Fotografía de Madrid e dende o ano 1988 forma parte do grupo cinematográfico FONMIÑA de Lugo, no que conecta con outros fotógrafos da cidade e aumenta os seus coñecementos.
Os seus comezos fotográficos foron en branco e negro, realizando persoalmente todos os procesos de laboratorio, anos máis tarde iníciase no procesado manual de cor e na actualidade e debido ás novas tendencias utiliza a captura e proceso dixital.
No seu currículo fotográfico conta con 36 premios de fotografía pertencentes a certames fotográficos de carácter Internacional e Estatal; destacando entre outros o segundo premio do Salón Internacional de Fotografía CAJA ESPAÑA (ano 1.991), primeiro premio de fotografía CONCURSO NACIONAL DE FOTOGRAFIA PADDOCK (Sabadell, 1999), ou primeiro premio do concurso de fotografía A Ruta Pardo de Cela no camiño norte (Galicia 2007). Realizou 16 exposicións de fotografía tanto individuais coma colectivas e impartiu máis de 20 cursos de fotografía analóxica e dixital. A súa obra foi publicada en diferentes diarios e revistas divulgativas así como en catálogos, carteis de festas e campañas políticas.
Esta mostra fotográfica, recolle 15 fotografías baixo o título CONFUSION SEN FIN, e está realizada con soporte de película negativa e positivada en papel baritado de alta calidade; a devandita colección foi realizada entre os anos 1.990 -1.992 e dentro desta encóntranse as catro fotografías galardoadas co 2º premio Caja España 1.991. O estilo conceptual e claramente surrealista desta obra con tendencias Dalinianas realizouse mediante unha técnica de revelado con diferentes químicos co fin de producir un efecto de carbón.