Porque os impositores, parte fundamental no sistema bancario, tamén teñen algo que dicir
Comparecen políticos autonómicos, provinciais e municipais; pseudoempresarios oportunistas e sindicalistas. Opinan nos medios de comunicación presuntos expertos e acreditados indocumentados, todos en "clave de país", "polo ben de Galicia". Pero ninguén repara en nos, os impositores, que parecemos non existir. Eses que estamos a sufrir dende hai anos, en silencio, unha xestión incompetente e interesada. Os explotados, enganados e espremidos de tódolos xeitos imaxinables e inverosímiles.
Non Sr. Nuñez, non. Caixa Galicia non é propiedade do seu equipo directivo, pero tampouco do "conxunto da sociedade galega". As caixas deben a súa existencia a aqueles que día a día, mes a mes, ano a ano, depositan os seus ingresos, as súas nóminas, os seus aforros, o produto do seu suor, para que, na meirande parte dos casos, políticos, sindicalistas, e outros parásitos sociais que se auto cualifican como directivos e empresarios, xoguen ao Monopoly co seu futuro. A eles, e non a moitos galegos que hai tempo perderon a fe e optaron por confiar en Banesto, BBV, ..., ou ING, porque ningún banco pode vivir sen a súa contribución.
Eu son da xeración que veu ao mundo cunha cartilla da Caixa de Aforros de Ferrol - agora Caixa Galicia - debaixo do brazo, e por algún insólito motivo e a pesares de múltiples humillacións e infidelidades, mantiven a miña lealdade por mais de cincuenta anos. Pero xa estou canso de que se antepoñan, agora aínda mais que antes, os intereses políticos á seguridade dos aforros de toda a miña vida; de contemplar como se abusa da boa fe dos xubilados galegos colocándolles activos a longo prazo de difícil recuperación e dubidosa rendibilidade; de comprobar como, ao amparo da obra social, se acometen inversións de escaso gusto, presuposto inflado e dubidosos interese público e utilidade social; de observar como na selección dos conselleiros e traballadores que administran e xestionan o meu futuro económico non priman precisamente criterios de concurrencia pública, mérito e competencia; de buscar explicacións plausibles para xustificar decisións de financiamento de tantas aventuras empresariais e inmobiliarias de mais que dubidosa viabilidade; ...
Por todo iso; porque ata a miña paciencia ten un límite; porque as inxentes cantidades que reciben esa cuadrilla de xestores impresentables e incompetentes, eses que nos negan a mínima rendibilidade e que nos cobran comisión ata por respirar dentro e fora da sucursal, me parecen totalmente obscenas na situación social actual e consonte co seu grado de responsabilidade, e polo que, consciente e libremente, vou conxugar ese verbo proscrito para eles: dimito como impositor de Caixa Galicia.
Manuel G. Antón Villamil.