Vimos para que se nos vexa, para que se saiba que existimos e sobre todo para que se nos escoite.
Señores, equivócanse vostedes cando din que os sindicatos facemos a tractorada para protestar. Para protestar non necesitamos vir á cidade cos tractores nin deixar as nosas terras unha semana enteira sen traballar. Non señores, non.
Non vimos nin a protestar nin a molestar aos veciños que ningunha culpa teñen da pasividade das administracións para protexer o rural. Vimos para que se nos vexa, para que se saiba que existimos e sobre todo para que se nos escoite.
Para isto existen os sindicatos: para achegar ideas, para propor medidas e para esixir a implicación da administración na solución dos problemas. Quen queira instalarse na queixa permanente que o fagan, pero non é iso o que os gandeiros esperan dos seus sindicatos.
Os gandeiros esperan que os sindicatos lles representen e actúen de interlocutores coa Xunta e co Ministerio. E a iso viñemos, a esixir medidas concretas, realizables e efectivas: esiximos unha Mesa intersectorial arbitrada polo Ministerio na que participen os representantes dos produtores, da industria e da distribución; esiximos que ninguén se levante desta Mesa ata que non acordemos un prezo homologado do leite en orixe que cubra os custos de produción; esiximos o fin dos prezos retroactivos baseados na opacidade e a especulación; esiximos mecanismos que impidan a entrada en España de leite doutros países por baixo do seu prezo de produción; esiximos transparencia nos envases para que o consumidor coñeza a orixe do leite que consume; e esiximos axudas directas na mesma liña que as recibiron outros sectores como a automoción.
Como ven señores, vimos cos nosos problemas pero tamén coas nosas demandas e as nosas propostas de solucións.
Non vimos protestar.
Anxo Dono Sánchez
Frades e vintecinco gandeiros da comarca