Vieiros

Vieiros de meu Perfil


IX Foliada e Romaría do Lecer da A. X. Xacarandaina

A Asociación Xuvenil Xacarandaina organiza o vindeiro sábado 20 de xuño unha Foliada e o domingo 21 a IX Romaría do Lecer no Paseo das Pontes da Coruña

Enviada por Patri_Uzal Patri_Uzal o 19/06/2009 13:17

     A Asociación Xuvenil Xacarandaina organiza o vindeiro domingo día 21 de xuño durante todo o día a IX Romaría do Lecer no Paseo das Pontes na Coruña.

     O acto dará comezo ás 11,00 horas co primeiro bloque de Clausura de actividades da asociación e finalizará ás 20,00 horas cun sorteo das rifas vendidas ao longo do día. O programa inclúe a Clausura de actividades da asociación onde os alumnos e alumnas da mesma amosarán o aprendido durante o curso enriba do escenario; intercalaranse actuacións de grupos de baile tradicional, pandereteiras e pandereteiros, cuartetos de gaitas, baile de salsa e merengue, bailes de salón... Para os máis pequenos cóntase con inchables e xogos populares, onde varios monitores ensinarán a xogar aos máis novos, diversión garantizada! Mencionar tamén a presenza de obradoiros de oficios tradicionais onde varios artesáns mostran os segredos dalgúns dos oficios máis antigos e típicos de Galicia. E, para ofrecer a posibilidade ao público de gozar durante todo o día desta Romaría, contarase con bochinche, pulpeira, churrasco e rosquillas e lambonadas.

     A Asociación Xacarandaina celebra desde o ano 2001, no mes de xuño, esta Romaría coa que pretende recuperar o "sabor" de festa e lecer das antigas romarías galegas. Desde Xacarandaina animamos a toda a xente da cidade e arredores a participar neste día, como un día de homenaxe participativo ao folcklore e cultura galegas, axudando deste xeito a que todas as coruñesas e coruñeses nos sintamos máis orgullosos das nosas tradicións, sen deixar que se extingan.           

     O sábado día 20 de xuño realizarase, como anticipo á Romaría, unha festa coa que se pretende recuperar outra tradición galega moi popular: a Foliada, festa nocturna de carácter tradicional na que a xente se reunía para cantar, bailar e divertirse. Durante todos estes anos contamos coa presenza de grupos folclóricos de toda Galicia: Xiradela, Brincadeira, Terra Meiga, Eidos, Fiadeiro, Cántigas da Terra, Iar, Xalgarete, Donaire, Cantigas e Agarimos, Aturuxo... moitos destes voltarán a estar este ano no escenario acompañando ao Grupo de Música Tradicional Xacarandaina interpretando pezas do noso repertorio tradicional para que poidan bailar nenas e nenos, mozos e maiores, xente de todas as idades que participan de forma moi activa na festa.           


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: