O acto dará comezo ás 16:00 da tarde e participan no mesmo 42 grupos de Asociacións folclóricas, Centros Parroquiais, Asociacións Culturais e Recreativas, Asociacións Xuvenís etc.
O XXXI Concurso de baile tradicional Xacarandaina que todos os anos ven organizando a Asociación Cultural Xacarandaina celébrase na Coruña o domingo día 6 de xuño, en horario de tarde no marco do Teatro Rosalía de Castro.
O acto dará comezo ás 16:00 da tarde e participan no mesmo 42 grupos de Asociacións folclóricas, Centros Parroquiais, Asociacións Culturais e Recreativas, Asociacións Xuvenís etc. chegados de toda Galicia: Vigo, Santiago, Padrón, Arteixo, Ribeira, Betanzos... e mesmo de fora, como os grupos do Centro galego de L´Hospitalet de Llobregat. Todos os grupos participantes deberán cumprir as bases do concurso, onde se indica que os grupos poden ser mixtos, femininos ou masculinos, e estarán formados como mínimo por oito persoas (agás cando as características do baile o precisen). O uso de traxe tradicional é obrigatorio. A categoría determinarase pola media das idades dos compoñentes do grupo e ningún deles superará a media da categoría en máis de dous anos:
CATEGORÍA A: ata 8 anos inclusive.
CATEGORÍA B: de 9 a 12 anos inclusive.
CATEGORÍA C: de 13 a 16 anos inclusive.
CATEGORÍA D: de 17 anos en adiante.
Cada grupo terá un tempo límite de 5 minutos. O grupo que exceda dito tempo, quedará descualificado. Terá que levar o seu acompañamento musical (gaiteiros, pandereteiras...) que deberá estar presente no escenario vestindo o traxe tradicional. O xurado no momento da cualificación terá en conta: autenticidade da peza, dificultade técnica e calidade na execución.
En cada unha das categorías serán concedidos tres premios:
1º PREMIO: trofeo e 350 €
2º PREMIO: trofeo e 200 €
3º PREMIO: trofeo
Finalízase o acto coa actuación do Grupo de Baile Tradicional Xacarandaina que actuará de exhibición despois da actuación dos participantes e mentres o xurado delibera para a entrega de premios. Nesta ocasión, o Grupo de Baile Tradicional Xacarandaina estreará a peza Danza de Aldán, Cangas do Morrazo, coa que se honra a San Sebastián o 20 de xaneiro.
A venta de entradas está dispoñible na páxina web de Caixanova e no despacho de billetes da praza de Ourense, sendo o prezo das mesmas a 5 €.