Os partidos norirlandeses teñen ata o próximo 13 de abril para aceptar a proposta de desbloqueo formulada polos primeiros ministros de Londres e Dublin. O proceso iniciado hai un ano co acordo de Venres Santo atópase totalmente estancado pola negativa dos republicáns a entregar as armas e dos unionistas a aceptar a súa participación no goberno local.
Nin David Trimble (Partido Unionista do Ulster) nin Gerry Adams (Sinn Fein) queren dar o brazo a torcer. A mediación de Blair e Ahern, aproximou as posicións pretendendo dar satisfacción ás posturas de ambos, cedendo todos algo e todo ningún. Asi, se ben se recoñece que o desarme é unha obriga inexcusable, tamén se di que non é unha condición imprescindible para a participación dos católicos no executivo de Irlanda do Norte.
O próximo día 13, ambas partes deben dar a súa conformidade para a formación do goberno de Irlanda do Norte coa participación das forzas implicadas no acordo de Stormont. A seguir, no prazo dun mes, a Comisión Internacional para o Decomiso das Armas dará inicio ó proceso de desarme cun acto simbólico de reconciliación. Parellamente, iniciarase o traspaso de competencias de Londres a Belfast e a creación das demais institucións previstas no Acordo: Consello Anglo-Británicoe Consello Ministerial Norte-Sur.
Está por ver se estes acordos logrados en Hillsborough, preto de Belfast, desbloquean por fin o camiño para ver no Ulster un goberno integrado por unionistas e republicanos. É probable que asistamos a outro tira e afrouxa antes da súa configuración final, pero a todos lles resultará moi difícil resignarse a admitir que o camiño da paz ten volta atrás.