A República turca nunca contou con moitas posibilidades de ingresar na Unión Europea e, a pesar dos seus renovados intentos, cada día ten a porta máis pechada. Ata agora, os descendentes de Ataturk culpaban das súas desgracias ó goberno de Atenas. As diferencias entre os dous viciños é unha excusa perfecta para ocultar a verdadeira naturaleza do problema: as carencias democráticas do propio goberno turco.
Nas últimas semanas comprobamos unha vez máis o enorme poder e influencia que os militares exercen sobre a evolución política do país. A presentación dunha moción de censura contra o goberno deixou entrever a posibilidade de retrasar as eleccións xerais previstas para o próximo 18 de abril. Pero a intervención do Exército fixo "recapacitar" ós que apoiaban a moción e o retraso das eleccións. Finalmente os comicios celebraranse na data acordada.
Algunhas voces denuncian en Europa a intolerancia de Bruselas por non querer admitir no seu seo a un país cunha cultura totalmente diferente á nosa, e preferir a entrada dos países do Leste ou do Báltico. Sen embargo o problema é outro. Turquía fai da doctrina de Mustafá Kemal Pachá unha cuestión de fe e asocia a súa independencia á realización de profundas limpezas étnicas para garantir unha homexeneidade cultural que nunca antes existira.
Cómpre lembrar que son herdeiros da "Sublime Porta", exemplo de heteroxeneidade e diversidade
cultural onde os haxa. Por outra banda, o laicismo imposto por Ataturk para erradicar o Islam
é levado ata as súas últimas consecuencias: os partidos de ideoloxía relixiosa son ilegalizados e
os seus líderes arrinconados fóra do parlamento; pechanse as escolas relixiosas, e impidese
toda demostración de culto.
A caza de Abdalá Ocalan, o líder kurdo do PKK, non contribuiu a mellorar a imaxe internacional da República turca. Incluso os máis escépticos, comprenden que tra-los intentos de facer desaparecer ó PKK por consideralo un movemento terrorista hai tamén un ansia de xenocidio da poboación kurda. A persecución é implacable, organizada e pilotada cun seguimento moi estreito e sistemático dun Exército poderoso con líderes influintes en toda-las esferas.
Pero Turquía pertence á OTAN. O seu continxente militar é dos meirandes dentro da organización. Se temos en conta a economía e os recursos do país, sorprende que tendo tantas carencias básicas e de infraestructuras, se destine unha partida tan voluminosa a gastos militares. Ankara xustificao pola situación xeoestratéxica da Península de Anatolia; fronteira natural entre a Europa democrática e os conflictivos nacionalismos árabes.
Despois de tantos anos de integración, de acoplamento cos Exércitos dos países democráticos de Occidente, semella que nada se lle pegou ós militares turcos da tradicional subordinación do mando castrense ó mando civil.
Marta Cabrera é investigadora no IGADI