Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRISE

O noutrora boiante sector naval fai augas

A entrada en concurso de acredores da Factoría Naval de Marín, podería deixar na rúa a máis dun milleiro de traballadores.

Isabel G. Couso - 17:40 22/06/2010

Factoría Naval de Marín ostentaba até hai ben pouco o liderado na construción de megaiates no Estado Español, cunha facturación que superaba os 200 millóns de euros. Porén, a entrada da empresa en concurso de acredores saltaba ás primeiras páxinas dos xornais na pasada fin de semana sementando incertezas sobre o futuro laboral, xa non só dos 85 traballadores directos da compañía, senón tamén en toda unha comarca que vive, en grande medida, do naval. Segundo as estimacións dos sindicatos, entre provedores e compañías auxiliares, o posíbel peche de Factoría Naval deixaría na rúa a uns 1.300 obreiros entre a comarca de Pontevedra e a do Morrazo.

Con todo, este caso particular é exemplo do que vén acontecendo en todo o sector dende que a crise comezou a afogar a industria. Cunha excesiva dependencia dos créditos dos bancos e unha xestión cando menos mellorábel, a industria do naval non é quen de facer fronte a uns pedidos para os que non ten suficiente remanente económico.

Factoría Naval: a punta do iceberg
A propiedade de Factoría Naval repártese fundamentalmente en tres mans. José maría Suescun, presidente de Corporación Dermoestética, conta co 45% das accións; Pablo Comesaña, socio fundador do estaleiro, posúe o 45%; e o 10% restante pertence á entidade Caixa Galicia, agora nun proceso de fusión con Caixanova.

A débeda acumulada até o día de hoxe ascende até 57 millóns de euros, que aínda están pendentes de cobrar os provedores. Porén, atendendo ás especiais circunstancias de crise nas que se atopa a empresa, as 390 compañías auxiliares renunciaron a cobrar o 33% desa débeda, é dicir, uns 19 millóns de euros. Asemade, aceptaron o pago do resto dos cartos en tres prazos: a metade inmediatamente e a outra metade en abonos de 9,5 millóns cada un a cobrar ao remate de 2011 e 2012.

Responsabilidade da compañía?
Con todo, Factoría Naval non foi quen de atender a este compromiso, polo que apostou por un concurso de acredores. A vía agora, sempre e cando os provedores manteñan o acordo, pasa por unha negociación, que xa fracasou nun primeiro intento, cun armador danés (Esvagst) para que manteña un pedido de buques que, á súa vez, encargara para unha naviera norueguesa.

Os representantes dos traballadores, non obstante, temen escuras intencións neste procedemento. “Podería ser unha manobra dos accionistas para limpar a empresa”, apuntaba o propio alcalde de Marín, Francisco Veiga (PSdeG). Na mesma liña se manifestaron responsábies sindicais do naval na comarca, como Marcos Conde, representante comarcal da Federación do Metal da CIG: “a impresión que temos é que compañías coma esta estaban a construír barcos sen ter garantido un capital, é dicir, baseándose no financiamento dos bancos, cando esta falta, a industria vai a pique”.

Futuro do naval?
Segundo nos explica Marcos Conde, dende que comezase a crise, o sector do naval en Marín xa prescindiu dun 70% dos seus traballadores: “aquelas empresas auxiliares que tiñan 20 empregados mantéñense agora con 10 ou 15, como moito”, explica. Este constante goteo de despedimentos levou ao paro xa a máis dun milleiro de traballadores do sector, aos que se poderían engadir os que se deriven desta enésima crise, neste caso da Factoría Naval.

O máis destacábel destes datos non é só o incremento de despedimentos, senón tamén a difícil recolocación destes traballadores agora en paro. Segundo as estimacións de Conde, só un 10% se podería ter recolocado até o de agora, principalmente na comarca de Vigo ou Ferrol. Porén, a meirande parte están actualmente cobrando prestacións de desemprego. De aí que se tema que a verdadeira explosión social deste problema se dea ao remate do verán, cando comecen a rematarse estas prestacións. “Non vemos perspectivas de novas contratacións ningunhas”, explica, “o panorama laboral futuro no sector non é en absoluto prometedor”.


4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Factoría Naval entrou en concurso de acredores. A maioría en Galiza rematan en extinción.
Factoría Naval entrou en concurso de acredores. A maioría en Galiza rematan en extinción.
Nos últimos meses, máis dun milleiro de traballadores do naval perderon o seu traballo
Nos últimos meses, máis dun milleiro de traballadores do naval perderon o seu traballo
O peche do crédito dos bancos afoga a unha industria que traballaba sen un importante remantente económico
O peche do crédito dos bancos afoga a unha industria que traballaba sen un importante remantente económico
Imaxe: Factoría Naval Marín
Imaxe: Factoría Naval Marín