 
Noutro artigo deste mesmo número en papel da revista Irimia recollemos a testemuña do frade franciscano vasco José Arregui, de Aránzazu, a quen o recentemente nomeado bispo Munilla –o victorioso candidato de Rouco para “reconducir” aquela diocese á ortodoxia neoconservadora- pretendeu silenciar para sempre ou “destinar” a América.
                  
  É un capítulo máis dunha  penosa involución. Algún día a historia será dura cos novos  inquisidores,  incapaces de mirar cara a cara, reconciliada e serenamente, a cultura  e a sociedade actuais, para poder dicir unha palabra que signifique  algo, que aporte esperanza, que libere, sande feridas, toque o corazón  da muller e o home de hoxe e sexa, en consecuencia, realmente salvadora. 
 Evidentemente que a Igrexa  ten misión de profecía, de crítica en defensa da persoa humana, da  dignidade e da vida para todos e todas, do futuro do planeta e do  reinado  da xustiza. Pero toda a capacidade de audiencia desta Igrexa “rouquiana”   estrágase na defensa de posicións de predominio ideolóxico e  supostamente  moral, sen cuestionar se esa ideoloxía e esa moral son nucleares na  vida de Xesús e na súa Causa, ou son basicamente formatos culturais  e imaxinarios relixiosos dunha época de cristiandade medieval que xa  non nos di absolutamente nada. 
 Apagar voces como a do místico  Arregui é, outravolta, despreciar e perseguir o mellor desta Igrexa  en crise profundísima e diríase que  inconsciente. 
 O mesmo Arregui define  perfectamente  a situación: A gran herexía deste Igrexa é o Medo e o Dogmatismo.  Diriamos máis: o gran pecado é o seu corporativismo. Esa cerrazón  a que corra aire fresco, esa ocultación vaidosa das propias miserias  e o autoconvencimento da posesión da verdade e de toda verdade, en  forma de depósito e reducido de maneira sectaria a unha versión  ultraconservadora,  pensamento único admisible por unha xerarquía en declive.
 Virán outros tempos, pero  que non tarden moito.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto